Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

Reyes reclama medidas urxentes para frear os malos resultados de Lavacolla, "advertidos dende hai tempo polo grupo socialista"

14/09/2018

Os malos datos do aeroporto de Lavacolla relativos a este verán non sorprenden ao grupo socialista, que leva moito tempo advertindo desta situación e propoñendo diferentes iniciativas para mellorar as cifras, sen que ata o momento se tiveran en conta. O seu voceiro, Paco Reyes, responsabilizou do que ten sido o peor verán desta terminal nos últimos catro anos, a Compostela Aberta e ao Partido Popular, que non foron quen de dar o pulo que necesitan as instalacións para converterse no aeroporto de referencia non só de Galicia, senón do norte de España.
Paco Reyes lamentou a situación de estancamento na que atopa Lavacolla, cunha perda de 6.000 pasaxeiros en xullo e case 4.000 en agosto, en comparación cos mesmos meses de 2017, e subliñou que se trata da "crónica dunha morte anunciada". A este respecto, lembrou que o grupo socialista ten desenvolvido moitas iniciativas -levadas a pleno en diferentes formatos ao longo destes anos de mandato- encamiñadas non só a alertar das carencias e puntos febles que ten a terminal compostelá, senón sobre todo a poñer enriba da mesa solucións a estes problemas que agora se están a materializar.
A última, como apuntou, unha moción debatida en xuño deste mesmo ano, que se presentou pouco despois da celebración dunha reunión do Comité de Rutas. Tan só un par de meses máis tarde, resulta prioritario, como manifestou Reyes, retomar estas propostas ante os malos datos rexistrados en xullo e agosto.
Entre elas, o concelleiro esixiu que se cumpran os acordos do Comité, como o relativo ao incremento de 22 destinos internacionais, previstos dende 2014 e que seguen sen estar operativos na maior parte dos casos. Tamén apostou de novo por mellorar as conexións -sobre todo coa T4 de Madrid e O Prat de Barcelona para incrementar os destinos internacionais grazas a ditos enlaces-, ademais de instar á Xunta a que "dunha vez por todas" conceda as licenzas para conectar Lavacolla co resto de cidades galegas como fai Sá Carneiro (Oporto).
Outra das medidas que Reyes considera fundamental é a de explorar a posibilidade de reducir as taxas fixadas por Aena. O voceiro pediu que Lavacolla -cunhas taxas superiores a Alvedro e Peinador nun 40%- teña a capacidade de rebaixalas polo menos nun 10% -como pode facer, por exemplo, a terminal de Palma de Mallorca- durante os meses de menor ocupación turística.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org