Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "alégrome que apareza esa fisura pola que se poida entrar e recuperar o dominio público do Pazo de Meirás"

11/07/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse hoxe co reitor da USC, Antonio López. Antes do encontro, o rexedor referiuse ao documento de 1938, descoñecido ata o de agora, que vai servir de base para argumentar a demanda que onte presentou o Goberno de Pedro Sánchez nos xulgados da Coruña para reclamar á familia Franco a devolución do Pazo de Meirás. Sánchez Bugallo sinalou que se alegra porque "apareza esa fisura pola que se poida entrar e recuperar o dominio público do pazo". Trataríase "dunha suposta falsidade en documento legal", xa que os sucesores de Emilia Pardo Bazán venderon o edificio dúas veces. En 1938, como consta nese documento, a afíns ao réxime que pretendían regalarllo a Franco; e tres anos despois, ao ditador nunha escritura pública de compravenda.
Tamén se pronunciou o alcalde sobre as dúas esculturas do Mestre Mateo reclamadas polo concello á familia Franco "o caso está recorrido. Estamos pendentes de sentencia xudicial. Encargueillo ao xefe da anterior asesoría do concello, Xoaquín Monteagudo, que se está facendo cargo da defensa. Non é un procedemento fácil. Son procesos que veñen desde hai décadas. De momento non coñezo ningún documento falso. O que si creo é que seguramente hai documentos desaparecidos. Pero desgraciadamente non está ao meu alcance a recuperación dos mesmos", engadiu Sánchez Bugallo.

USC e Concello
A universidade é un elemento fundamental para deseñar o futuro de Compostela. Así se expresou Sánchez Bugallo, antes da reunión que mantivo co reitor da USC, Antonio López. Os dous destacaron a importancia que a colaboración entre ambas institucións ten para a cidade.

A universidade é un elemento fundamental para deseñar o futuro de Compostela. Así se expresou o o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, antes da reunión que mantivo co reitor da USC, Antonio López.
Os dous destacaron a importancia que a colaboración entre ambas institucións ten para a cidade.

Para Sanchez Bugallo, a USC é unha institución fundamental en Compostela, "porque forma parte da nosa cidade desde hai máis de 500 anos, e porque Santiago non sería o que é, non tería o peso nin a trascendencia que ten se non fora pola universidade". Sinala o alcalde que "máis aló da historia que nos une, importante e extensa, o que nos ten que unir é o futuro". É nese proceso, engadiu, onde USC e Concello teñen que ser "socios fundamentais".

O alcalde destacou a "longa experiencia de traballo en común" e afirmou que "chegou o momento de dar un salto cualitativo" para acadar un futuro "de retos e oportunidades" no que "xogan un papel importante, a cultura e as novas tecnoloxías". "Universidade e Concello estamos chamados dalgunha maneira a encabezar ese proceso", subliñou.

O reitor asegurou compartir "esa visión da relación entre a cidade e a universidade". "A sintonía entre os proxectos de cidade e os proxectos da USC é imprescindible", dixo. Tamén concorda Antonio López na necesidade de mirar para adiante, para novos proxectos, como a aposta pola cultura e "a investigación e proxección desa investigación naquelo que teña relevancia para o tecido produtivo e empresarial da cidade". Entre as iniciativas que están "callando", citou un "hub consolidado" ou "unha base tecnolóxica de investigación en biomedicina". E engade, "nun ámbito xeográfico periférico como é Compostela temos xerado un ecosistema favorable para que todo isto frutifique".

Na reunión tamén falaron doutros proxectos de colaboración, como UNINOVA, cursos internacionais, actividades que segundo Antonio López "veñen de atrás e cómpre revitalizar e redefinir", eventos importantes para a cidade nos que quere participar a USC, e "o papel do Consorcio, da cidade e do Concello nalgúns dos proxectos que temos".


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org