Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

CONCELLARÍA DE CENTROS SOCIOCULTURAIS

Javier Fernández sinala que existía unha mala xestión dos CSC por parte de Compostela Aberta, con 12.000 horas realizadas fóra de contrato

20/09/2019

O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, sinalou en rolda de prensa que existía unha mala xestión dos CSC na última etapa de Compostela Aberta, cun exceso de 12.000 horas non contratadas nin fiscalizadas, é dicir, realizadas fóra de contrato. Unha deficiente xestión, engadiu, "da que se poden derivar responsabilidades por parte do Sr. Noriega e de Dona Concha Fernández", e que agora temos que solventar nós reorganizando os Recursos Humanos dos Centros Socioculturais".
Javier Fernández respondía así a petición de explicacións de CA aclarando, punto por punto, as acusacións do portavoz do grupo. Empezou explicando como xestionou Compostela Aberta o contrato con Ferrovial. "Os problemas que crearon son", dixo, "os que agora nos toca resolver a nós".

Comezou referíndose á creación da Comisión técnica de Supervisión, o 26 de outubro de 2018. "Cando se creou", subliñou, "os servizos descritos no contrato xa estaban funcionando desde xuño". Iso tivo como consecuencia que en seis meses, o goberno de Compostela Aberta non fiscalizara o servizo que desenvolve a empresa, e polo tanto, consumíronse as horas das que se dispuña para todo o ano. "E cando se deron conta, o que fixeron foi crear a comisión para fiscalizalo". Engade o concelleiro que neses catro meses desde que comezaron a operar ata a creación da Comisión técnica non houbo control algún. Simplemente, di "se seguían as ordes de Martiño Noriega e Concha Fernández". Precisamente, esa comisión técnica créase pouco despois das denuncias do grupo socialista. O 15 de outubro, en rolda de prensa, o voceiro socialista solicitaba ao goberno de CA que avaliara a posiblidade de abrir un expediente de lesividade á adxudicataria da xestión dos centros socioculturais.

Exceso de horas
O responsable de Centros Socioculturais contrapón esta supervisión coa realizada polos anteriores gobernos "que estaban levando un control semanal de horas. Había un control diario e unha xuntanza semanal para fiscalizar o contrato". Por iso, Javier Fernández pregúntase porque unha vez establecida esa comisión fiscalizadora, tardan cinco meses (marzo de 2018) en emitir un informe sobre presuntos incumprimentos. Ata abril de 2018 non se abre un expediente á empresa. Un expediente ao que a adxudicataria presentou alegacións.

O concelleiro de Centros Socioculturais explica que debido á complexidade que supuña resolver a alegación presentada, e "seguindo os pasos que o departamento de contratación e a asesoría xurídica me recomendaron" en agosto deste ano, ante a caducidade do expediente, e para evitar polos prazos, a prescrición, ábrese un novo expediente coa mesma finalidade. Neste momento, adianta "estamos na fase en que Contratación está pechando ese expediente coa sanción que se axusta á normativa legal vixente".

Javier Fernández é claro. "Como consecuencia desta falta de control, detectouse un exceso de 12.000 horas" non contratadas nin fiscalizadas. Unha situación, engadiu, que "estamos resolvendo nós" e da que se poden derivar responsabilidades, veremos de que tipo, das persoas que levaban Centros Socioculturais: Martiño Noriega e Concha Fernández.

Continúa dicindo que "por isto e polas numerosas queixas dos usuarios, por ese descontento xeralizado, decidimos, en Xunta de Goberno Local, o 5 de agosto pasado, cesar a encomenda de servizo desas tres persoas, recoñecéndolle os servizos prestados". Aclara Javier Fernández que cando o Sr. Noriega dala de cese ou despido está faltando á verdade, xa que simplemente se lle retira a encomenda de servizo. "Neste momento, seguen traballando no departamento de Centros Socioculturais, no mesmo posto e coas mesmas atribucións que tiñan antes da encomenda de servizo. Polo tanto non están cesadas nen despedidas".

As labores desa encomenda de servizo pasa a realizalas, sen ningún custe a maiores para o concello, como acontecía anteriormente, o funcionario que aprobou, por oposición, a praza de director do Servizo de Centros Socioculturais hai case trinta anos. Un funcionario que fora cesado por Compostela Aberta.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org