Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

CONCELLARIA DE TURISMO

Sindo Guinarte: "estamos traballando nunha normativa adecuada para regular os pisos turísticos"

09/10/2019

O concello de Santiago está a estudar as posibilidades de impulsar unha normativa propia para regular os pisos turísticos da cidade. Aseguróuno o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, a preguntas dos xornalistas despois de presentar Santiago (e) Tapas. Nembargantes considera que a Xunta debe facer "un control moito maior" a través das inspeccións.
Preguntado pola falta de dispoñibilidade de inmobles na cidade, advertiu que se trata de "un problema serio" e un ámbito que necesita dunha regulación "máis aló" do decreto aprobado pola Xunta no seu día, unha norma que na súa opinión, quedou "excesivamente laxa". "Queremos establecer máis controis", dixo, motivo polo que están a traballar xunto cos técnicos municipais para analizar as posibilidades e estudar a "normativa adecuada" para atallar esta situación.

Sindo Guinarte insistiu en que "o descontrol" da proliferación dos pisos turísticos ten "un impacto moi negativo sobre a oferta regulada" da cidade, ademais de en ámbitos como os pisos de aluguer destinados a familias e estudantes ou locais de restauración. "Lamentablemente non se pode facer máis do feito", engadiu, posto que, a pesar de que xa se aprobou unha modificación do Plan Especial para tentar limitar a proliferación destes aloxamentos, é necesaria "unha norma xurídica" que permita regular esta situación en maior medida.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org