Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

O alcalde adianta que esta mesma semana se presentará o documento de ordenanzas fiscais

14/10/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo adiantou que esta mesma semana se presentará o proxecto de ordenanzas fiscais. A continuación está previsto aprobalo nunha Xunta de Goberno extraordinaria, para elevalo despois á Comisión Informativa de Facenda, antes de ir a Pleno.
Sánchez Bugallo sinalou que "é de agradecer" que o BNG e Comopostela aberta amosaran a súa intención de facilitar a aprobación das ordenanzas fiscais. Sobre as negociacións co PP, para sacalas adiante, insistiu en que os socialistas "desde o minuto cero" dixeron que o Concello "non estaba en condicións de asumir" unha rebaixa xeneralizada de impostos.

Argumenta o alcalde que a demanda "do 99,99 por cento dos veciños" é que se realicen "máis obras", sobre todo cando o municipio "ten que facer fronte a unha serie de retos" de face ao ano Xacobeo 2021. Neste sentido, sobre a "moi pequena" débeda do Concello, abordou que "a parte mala é que non dispón de recursos".

XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local acordou adxudicar o contrato das "Obras de rehabilitación da Casa das Máquinas. Fase 1", á empresa Obras Gallaecia por un importe de 218.932,04 euros, IVE incluído, ao ser a oferta máis vantaxosa das presentadas. Os traballos desta primeira fase, segundo explicou o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, centraríanse na cuberta do edificio, situado na Rúa de Galeras, e na estrutura interior.

O gasto financiarase en dúas anualidades correspondentes aos exercicios orzamentarios de 2019 (72.977,35 euros IVE incluído) e 2020 (145.954,69 euros, IVE incluído). A continuación quedaría pendente o reparto de espazos interiores. Sinalou o rexedor que ese reparto determinará o uso futuro do edificio, que prevé estea operativo ao longo de 2021. "Queremos que sexa un edificio polivalente, de usos múltiples", engadiu Sánchez Bugallo. , quen prevé que estea operativo ao longo de 2021.

Na Xunta de Goberno local aprobáronse dous expedientes de recoñecemento extraxudicial de créditos por gastos do subministro de enerxía eléctrica de baixa e media tensión a Gas Natural Comercializadora SA, por importe de 70.880,52 euros. E un terceiro, por gastos derivados do servizo de limpeza en instalacións municipais no período xullo 2019 e aprobación de indemnización substitutiva en favor da empresa ISS Facility Services SA por importe de 89.019,26 euros.

Na rolda de prensa posterior, o alcalde tamén destacou a aprobación do texto do convenio de colaboración entre o concello de Santiago e o CLUB ARTEAL TENIS DE MESA 2019; e a designación de Gumersindo Guinarte, responsable de Relacións Institucionais e Turismo, como representante do Concello de Santiago de Compostela na Asociación de Concellos do Camiño Inglés.

Ademais, na Xunta de Goberno Local, deuse conta da sinatura do convenio entre a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago para os espectáculos da Rede Cultural 2019, asinado o 26 de xuño de 2019; e dos espectáculos concedidos polas Deputación Provincial da Coruña correspondentes ao programa Rede Cultural 2019. O gasto total deste programa ascende a 20.327 euros, con cargo ao concello. Unha vez xustificada a subvención, a Deputación aboa o 30% desta cantidade.

Tamén se deu luz verde ao "Servizo de tarefas de comunicación do proxecto europeo TROPA VERDE 2ª fase", cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa URBACT III (2014-2020). Aprobouse o gasto correspondente e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 8.181,82 euros (IVE aparte).

No último punto da orde do día acordouse a modificación do horario das residencias de creación artística e estadías técnicas para proxectos de artes escénicas para o curso 2019-2020 O horario de dispoñibilidade é o seguinte: luns de 10:00 a 21:00 h., martes de 12:00 a 19:50 h., mércores de 12:00 a 19:20 h., xoves de 12:00 a 18:20 h., e venres de 12:00 a 21:00 h.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org