Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

SERGURIDADE CIDADA

Sánchez Bugallo encarga unha revisión dos muros de Santiago despois do falecemento dun veciño na zona de Bonaval que, sinala, "lamenta profundamente"

20/12/2019

O alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo, expresou, en rolda de prensa, a "súa profunda consternación", polo falecemento do veciño de Santiago, Salvador José Piñón, onte, ao derrumbarse un dos muros da zona de Bonaval, na rúa Costiña do Monte. Explicou, que segundo os primeiros informes técnicos, a causa do derrumbe é unha acumulación de auga e terra enchoupada de auga entre dous muros, (un bordea o cemiterio de Bonaval e o outro o que rodea a rúa), que fixo presión e provocou a súa caída.
Engadiu Sánchez Bugallo que esta mesma mañá lle encargou aos técnicos municipais e aos do Consorcio, a revisión dos muros máis importantes de Santiago, sobre todo aqueles que poidan "entrañar algún tipo de risco, co fin de adoptar medidas no caso de que detecten que pode existir algunha situación potencialmente perigosa". Aclarou que non ten constancia de ningún aviso de risco "nin xiquera potencial", neste muro.

O rexedor explicou que una vez recibido o aviso do derrumbe do muro, ás 17:43 m. ata o lugar desprazouse a policía local. Confirmaron a caída do muro, comprobouse que a primeira vista afectara a tres coches, e procedeuse á adopción das medidas de seguridade necesarias para evitar sinalou "que puidera haber persoas afectadas. Engadiu que "se mobilizaron todos os servizos" e que ata o lugar do suceso se desprazou o arquitecto e directo do servizo de obras do Concello, así como un enxeñeiro municipal, aparte da policía, dos bombeiros, e dos concelleiros de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; e de Barrios, Javier Fernández.

Sánchez Bugallo explicou que "dacordo cos técnicos" requeríuselle a unha empresa construtora as labores de desescombro, de limpeza e para "sustentar o muro". Engade que a retirada de pedras e terra efectuouse con prudencia, "porque existía a preocupación de que puidera ter quedado algunha persoa debaixo". Cando estaban finalizando os labores de desescombro, foi cando apareceu a persoa falecida.

Inmediatamente, explicou o rexedor, paralizáronse os traballos e "chamouse á policía que se fixo cargo das investigacións, e o servizo de Medicina Legal que, máis tarde, autorizou o levantamento do cadáver" que, por desexo da familia, será enterrado en Ortigueira, de onde era natural. A partir de aí, engadiu, completáronse as labores de desescombro e limpeza da zona que acabaron ás 4:35 da madrugada.

O alcalde lamentou o falecemento de Salvador Piñón "e as circunstancias nas que se produciu" e expresou o agradecemento a todas as persoas que participaron nos labores de limpeza e desescombro, incluidos os técnicos, policía local e nacional, 061 e "os concelleiros Gonzalo Muíños e Javier Fernández que estiveron ao pé do cañón ata as cinco da madrugada".

Sánchez Bugallo rematou facendo un chamamento á cidadanía para que respete as medidas de seguridade e non entre nas zonas perimetradas polos servizos municipais, como os parques, cando hai aviso de temporal.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org