Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

O alcalde anuncia que o goberno municipal establecerá un programa anual de revisión dos muros da cidade

23/12/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo anunciou a intención do goberno municipal de establecer un programa de revisións anuais dos muros cos que conta a cidade. De momento, o próximo xoves, día 26, o rexedor agarda contar un plan de actuacións de emerxencia nesta materia, unha vez recibidos os informes dos arquitectos e técnicos sobre o estado dos muros da cidade; que se comezaría a aplicar á volta de Reis.. Unha actuación de urxencia iniciada despois de que o pasado xoves, un home falecera a causa do derrubo dun muro na rúa da Costiña do Monte.
Estas revisións anuais, indicou o alcalde, terán en conta non só o estado da infraestrutura, tamén a contorna, xa que explicou, "poden estar en boas condicións, pero ter unha gran presión do terreo". En calquera caso, indicou, "a seguridade absoluta non existe. Puxo como exemplo que "nunha cidade con 200.000 árbores, é altamente probable que algún caia cando hai un temporal". Tamén destacou Sánchez Bugallo que o 90% das incidencias xeradas polo temporal nesta fin de semana se xeraron no ámbito de espazos privados.

Sánchez Bugallo sinalou que,neste momento, a maior preocupación sobre o estado dos muros de cidade pasa polos puntos de Pombal e o parque de San Domingos de Bonaval. Son os lugares, afirmou, onde existen os maiores "riscos potenciais" en muros que dependen do Concello. Tamén hai outros catro especialmente afectados. Dúas delas pertencen a ordes relixiosas, e as outras dúas de particulares.

Nun deses muros, o do Pombal, o alcalde, "quere actuar con urxencia". Unha parte é do concello, e a outra parte pertence a propietarios privados. O rexedor incidiu en que hai leiras con arboreda, que os servizos técnicos deberán avaliar se debe ser cortada. En Bonaval, na rúa Costiña do Monte, onde se produciu o accidente, o alcalde indicou que se colocaron grandes contrafortes e mantense o corte de tráfico. Sobre ese muro, construído hai uns douscentos anos, explicou que a causa do derrube foi a presión que exerceu a masa de terra que tiña unha balsa de auga acumulada polo temporal, agravada polo desnivel existente, xa que á altura da rúa mide seis metros, e polo outro lado só dous, polo que o enchoupamento da auga, que non puido saír a través do muro, provocou o sinistro.
Bugallo informou de que por agora non se detectou un "risco inminente" e que, no caso de que o houbese, tomarían medidas cautelares "inmediatas". Se se tratase dunha propiedade privada actuarían "sen esperar", polo que a acometerían a nivel municipal.

TEMPORAL

O alcalde, agradeceu "a tregua" meteorolóxica, despois de "oito semanas" sen parar de chover, o que provocou, explicou, que o venres pasado estivesen a "60 centímetros de ter que pechar a planta de tratamento de augas potables". E tamén agradeceu o traballo dos servizos de emerxencia municipais, Policía Local, Bombeiros, Protección, Civil, Brigada de Vías e Obras e Brigada de Parques e Xardíns, e servizos técnicos, que "tiveron que atender case 300 incidencias". Foi un traballo, engadiu, "denso e intenso".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org