Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "o criterio do goberno local e recorrer ante o Supremo a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid sobre as estatuas do Mestre Mateo"

26/12/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou hoxe, despois de Xunta de Goberno, que hai base legar para presentar un recurso ante o Tribunal Supremo, despois do fallo da Audiencia Provincial de Madrid, que atribue a titularidade das estatuas de Abraham e Isaac á familia Franco.
Outra cuestión será, indicouo rexedor, as posibilidades de éxito ou non éxito". Explicou que falou coa Asesoría Xurídica do Concello, que está estudando a sentenza, e co equipo de avogados que levou a defensa da posición municipal. Adiantou que se reunirán a semana que ven e que "inmediatamente despois, tomaremos a decisión". "O noso criterio", engadiu, é recorrer".

Está previsto que o xefe da Asesoría Xurídica, Manuel Cutrín, e oseu antecesor no cargo, Xaquín Monteagudo, que é quen está levando a representación do Concello neste caso, presenten un informe a vindeira semana.Unha vez analizado o informe dos servizos xurídicos, o Concello valorará se presenta ou non recurso ante o Tribunal Supremo. Segundo indicou o rexedor esta mañá, se hai base xurídica que sustente ese recurso pelexarase ata o final co obxectivo de que as estatuas volvan ao patrimonio público para que quen queira as poida coñecer e contemplar".

Sánchez Bugallo considera que hai un cambio de argumentación, que a sentencia da Audiencia Provincial de Madrid non coincide coa do xulgado de primeira instancia. Interpreta como "moi favorable que se recoñeza que o concello de Santiago ten acreditada a compra das esculturas", aínda, subliñou, que non se acredita que esas esculturas mercadas polo concello sexan as que son propiedade da familia Franco". Sánchez Bugallo tamén considera salientable que, segundo o fallo, os Franco non xustifiquen o "medio polo que se fixeron coa propiedade das esculturas. Non aportan ningún documento da súa adquisición".

É evidente, continuou, "que nos anos 50, ninguén se podía permitir pedirlle á familia Franco que asinase un recibí". Unha época, sinalou, "cunha longa tradición de bens que pasaron á familia Franco e que non foron documentados de xeito correcto, nin de ningunha forma en moitos casos". Sánchez Bugallo indicou que se buscará toda a información que se poida, "aínda que na documentación municipal non tiñamos constancia de acordo algún de cesión destas esculturas. Formaba máis parte da tradición oral" O que si está acreditado, afirmou, é que o concello mercou as esculturas. "Tampouco é que haxa moitas esculturas do pórtico da Gloria que estean circulando por aí adiante", engadiu.

A máxima preocupación do alcalde "non é que as esculturas sexan propiedade do Concello de Santiago, senón que estean a disposición do público de Galicia, de Santiago e de todo o mundo que as queira visita. De feito, a nosa intención, se as recuperamos, é que se expoñan ou no museo Catedralicio ou no Museo das Peregrinacións".

Sánchez Bugallo quixo recoñecer o traballo feito para chegar aquí e espera que "no Tribunal Supremo, se os servizos xurídicos estiman que temos base para recorrer, se poida recuperar a titularidade pública desas esculturas".


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org