Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

O rexedor pedirá unha rolda de entrevistas cos ministros do novo goberno de Pedro Sánchez para tratar os asuntos pendentes con Santiago

10/01/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou que, en canto xuren o cargo, pedirá unha "rolda de entrevistas" cos ministros do novo executivo de Pedro Sánchez, para tratar as cuestións pendentes coa capital galega. Citou catro: a EDAR da Silvouta; a estación do AVE da que está pendente a modificación da addenda ao convenio da intermodal para eliminar a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros para as obras da terminal ferroviaria; o Ano Santo, principalmente no relativo á convocatoria do Real Padroado; e o Orbital, xa licitado no último Consello de Ministros.
Dous destes proxectos, o Orbital e a futura estación do AVE, dependen da carteira de Fomento. Para o rexedor, "sería "tranquilizador" para Compostela que o até agora ministro José Luís Ábalos, mantivese estas competencias no futuro executivo.

Sánchez Bugallo engadiu que "todos debemos sentir alivio de que por fin haxa un Goberno en plenitude de facultades en España". Sobre os nomes que van soando para os ministerios, asegurou que "as noticias até agora, son bastante tranquilizadoras con respecto aos proxectos da cidade", dixo. Ainda así apelou á prudencia á espera de que sexa o presidente do Goberno o que os ratifique.

O alcalde realizou tamén unha valoración do acordo entre o BNG e o PSOE para a investidura "Contribúe", dixo, a que poida haber un Goberno",aínda que non inclúe "temas específicos de Santiago". Con todo, concretou, trátase dun acordo de "ámbito galego" e non "local", polo que engadiu "non lle vexo ningún elemento negativo".

NEGOCIACIÓN DOS ORZAMENTOS

Sánchez Bugallo tamén anunciou, na rolda de prensa dos venres, que o Goberno municipal xa ten elaborados os orzamentos, que ascenderán a 117 millóns de euros e que estes conterán "un incremento notable en investimentos e políticas sociais". hoxe mesmo ser iniciou a rolda de contactos cos grupos municipais para "explorar acordos para a súa tramitación".

Son, segundo avanzou o rexedor, "contactos preliminares". "O resto do mes adicarémolo ás negociacións e constataremos se hai posibilidades de avanzar". En caso contrario, explicou, "tomaremos a decisión máis conveniente para a cidade e para sacar adiante os orzamentos".

O alcalde indicou que "nós estamos en condicións de levar os orzamentos ao pleno ordinario deste mes de xaneiro ou a un extraordinario a principios de febreiro, pero non de garantir a súa aprobación". Pero a data de aprobación, engadiu, dependerá das negociacións cos diferentes grupos municipais.

En calquera caso, dixo, "non imos pospoñer a aprobación máis alá de febreiro". Lembrou que existen dúas vías para a aprobación: a abstención ou voto favorable de PP ou CA, ou vinculala a unha moción de confianza no caso de non obter estes votos favorables ou abstencións. Con todo, insistiu en que "esgotaremos as posibilidades de acordo".

VIVENDAS TURÍSTICAS

Sánchez Bugallo sinalou que a Xunta e o Concello de Santiago teñen previsto, a próxima semana, constituir a "comisión técnica e política" conxunta en relación ás vivendas de uso turístico da cidade. Neste grupo de traballo está previsto que participen, segundo explicou, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pola parte autonómica; e polo concello os responsables de Turismo, Sindo Guinarte, e de Urbanismo, Mercedes Rosón.

O alcalde realizaba o anuncio despois de amosar a súa satisfacción pola anulación da sentenza do Tribunal Supremo coñecida esta semana, que avala a norma autonómica e prohibe o aluguer por habitacións deste tipo de establecementos; o que "nos parecía", dixo, "un descontrol absoluto". Explicou que en Santiago constan unhas 641 vivendas turísticas dadas de alta. "Pero os datos que manexamos", engadiu, "é que hai un número moi superior".

Sánchez Bugallo lembrou que as competencias en urbanismo corresponden ao concello, e que xa está en vigor a ordenanza que bloquea novas vivendas deste tipo na cidade, unha moratoria na que tamén reclama a implicación da Xunta. Ao goberno galego tamén lle recordou que as súas competencias en materia turística, reclamando, entre outras cuestións, un sistema e de supervisión e control máis efectivo.

BALANCE DE NADAL

O alcalde amosouse "satisfeito", polo desenvolvemento das festas de Nadal en Santiago. Cualificou de "magnífico", o ambiente, e destacou a participación, con "máis de cinco mil persoas na Praza do Obradoiro na noite de Fin de Ano", e o "éxito da cabalgata de Reis".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org