Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ORZAMENTOS

Sánchez Bugallo amosa o interese en chegar a acordos o máis amplos posibles cos demais grupos para sacar adiante os orzamentos

13/01/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinala a PP e Compostela Aberta, como as dúas formacións decisivas para chegar a "un acordo" que permita sacar adiante os orzamentos de 2020. Por número de votos no pleno son decisivas. "Necesitamos alcanzar un acordo ou unha non beligerancia con algunha das dúas formacións con voto decisorio. É pura lóxica matemática", sinalou o rexedor, que explicou que o interese é "chegar a acordos o máis amplos posibles", que tamén impliquen ao BNG.
Na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno, e despois de ser preguntado sobre as declaracións da portavoz do grupo de goberno do BNG sobre falta de transparencia, Sánchez Bugallo atribuíu a esta formación un "exceso de interpretación" na cuestión dos orzamentos.

Sánchez Bugallo marcou de novo o mes de febreiro como data límite para "tomar as decisións que procedan" para a aprobación dos orzamentos, tanto se se alcanza un acordo con outros grupos que permita sacalos adiante coma se hai que vinculalos a unha "cuestión de confianza". Respecto ás críticas neste senso, indicou que "é responsabilidade do goberno sacar adiante os orzamentos. O razoable é chegar a un acordo, pero se non o hai, que facemos? Quedamos sen orzamentos?", indicou o alcalde, que lembrou que a moción de confianza é unha a posibilidade que marca a lei "se non ten éxito a primeira opción", a negociación.

O alcalde indicou que, despois da toma de contacto do pasado venres, o equipo de goberno non ten aínda "ningunha proposta de ningún grupo". Pero, adiantou que manterán unha reunión este martes con Compostela Aberta para coñecer as súas. Sánchez Bugallo explicou que hai "un orzamento rematado pero está suxeito a cambios", e pediu ao resto de grupos que as conversas non se leven "a través dos medios de comunicación, se non a través da mesa de negociación". Febreiro é o mes que o rexedor marca domo data límite para "tomar as decisións que procedan", despois de dedicar o que resta de xaneiro a "ver como se pode avanzar" en materia de negociación.

O alcalde explicou que os orzamentos para 2020 roldarán os 117 millóns. O capítulo VI de inversións, o destinado a investimentos, será de arredor de 14 millóns de euros. Tamén destacou que o período medio de pago a provedores foi, ennovembro, de 31 días e medio, unha "redución" que cualificou de "substancial" respecto a cifras anteriores. Sánchez Bugallo confiou en que o de decembro, baixe aos 30 días.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org