Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

O goberno local presenta a próxima semana a primeira parte das actuacións vinculadas ao Ano Santo

17/01/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, adiantou que o goberno municipal convocou o luns aos portavoces dos grupos, para "ir presentando" a primeira parte das actuacións vinculadas ao Ano Santo que se van desenvolver desde o concello compostelá " na contorna da catedral e no ámbito da Cidade Histórica". Por iso, o rexedor di non entender as declaracións do Grupo Popular cuestionando os prazos. "É curioso que fagan esas declaracións xusto ao día seguinte de que foran convocados". É evidente, engadiu, "que nós temos un programa xa ultimado".
Sánchez Bugallo explicou que estas actuacións, que tamén se presentarán na Comisión de Coordinación do Xacobeo, que se celebra o martes, día 21 están, moitas delas, relacionadas coa "atención aos/ás visitantes". E que xa están ultimadas, polo que se incluíu a redacción dos seus proxectos nos orzamentos de 2020. Algunhas destas medidas, dixo, implicarán modificacións en normativas municipais. "Máis adiante daremos a coñecer as actuacións no ámbito perimetral", apuntou o alcalde.

Boa parte destas actuacións a realizar con vistas ao Ano Santo serán custeadas como investimentos financeiramente sostibles a cargo do superávit do orzamento de 2019. Isto será posible, apuntou, grazas a que o Concello xa cumpre co período medio de pago, situándoo en 28,6 días na actualidade, cifra que Sánchez Bugallo prevé incluso mellorar nos vindeiros meses.

O obxectivo do goberno local é "ter ultimadas a maior parte das actuacións" no primeiro trimestre de 2021. Sánchez Bugallo confía en que todos os grupos políticos decidan colaborar co Concello para que a cidade "poida facer fronte ao reto" do Ano Santo. Tamén para esa data quere ter lista a remodelación de Concheiros, obra que depende da aprobación dos orzamentos de 2020 para sacala a licitación. O proxecto marca un período de execución de 12 meses, pero Sánchez Bugallo avoga por establecer "cláusulas" nos pregos que permitan establecer "dous turnos de traballo" e así acortar os prazos. En calquera caso, indicou, "buscaranse fórmulas para compatibilizar a obra co paso dos peregrinos".

Outra actuación pendente é a do vieiro Clara Campoamor, neste caso pendente da decisión do comité de expertos para proceder á súa adxudicación, cun prazo de execución de cinco meses. O alcalde agarda que o comité se poida reunir a vindeira semana, para que a Xunta de Goberno Local poida adxudicar a obra este mesmo mes de xaneiro, polo que mantivo o compromiso de ter a obra rematada o 1 de agosto.

Tamén importantes cara o Ano Santo son os elementos de control de accesos vinculados ao proxecto europeo Smartiago, orzamentados nun millón de euros. Neste caso, o alcalde anunciou a convocatoria do concurso entre febreiro e marzo.

ORZAMENTOS
O alcalde sinalou que todos os grupos teñen a documentación necesaria "aínda que se pode ampliar", sobre os orzamentos do 2020. Sánchez Bugallo agarda que ao longo da vindeira semana se poidan aprobar os orzamentos de Incolsa, Tussa e Auditorio de Galicia. E entre a semana que vén e a seguinte, o rexedor confía en poder acadar algún acordo, con algún dos grupos da oposición, "que nos permita sacar adiante os orzamentos muncipais, co respaldo do pleno". Neste sentido, mantén o compromiso de someter as contas á Corporación "non máis alá de febreiro".

PELETEIRO
O rexedor adiantou que o mércores da próxima semana convocarase, á súa vez, a Comisión Municipal de Peleteiro. O obxectivo, segundo explicou Sánchez Bugallo, é levar ao pleno de marzo unha proposta para sometela a aprobación. A pesar diso, recoñeceu que necesitará o apoio de PP ou Compostela Aberta para "sacar adiante o tema" neste prazo, posto que a decisión que se adopte implicará modificar a PXOM, para o que se necesitan 13 votos.

APARCAMENTOS
A preguntas dos xornalistas sobre o futuro do estacionamento da praza de Galicia, o alcalde lembrou que "a concesión remata en 2025" e que "corresponderá á seguinte Corporación tomar a decisión". O mesmo ocurre, dixo, co da Praza de Vigo, no que a concesión remata en 2026. Onte, o portavoz do PP local, Alejandro Sánchez Brunete, apostaba pola súa municipalización.

Para Sánchez Bugallo, trátase dunha estratexia dos populares: " a min non me deixa de sorprender un pouco esta especie de afán podemita que lle entrou ao portavoz do Partido Popular". "É unha cousa un pouco sorprendente: vamos a expropiar Peleteiro, imos rescatar as concesións…" En calquera caso, explicou que o Goberno actual se decanta por "aproveitar a oportunidade para remodelar todo o eixo, dende a Porta do Camiño á Alameda, e que a Praza de Galicia actúe como punto de unión entre o Ensanche e a Cidade Histórica".

PISOS BALEIROS
Tamén respondendo aos medios, neste caso sobre os pisos baleiros e a súa influencia no mercado inmobiliario, Sánchez Bugallo insistiu en que "a determinación dese réxime de vivenda baleira só pode realizarse mediante norma estatal ou disposición autonómica". Só no caso de producirse esta regulación, explicou, o Concello "tería a posibilidade de fixar recargas fiscais" a estas vivendas.

En función dos datos derivados do consumo de auga, o alcalde cifrou en 5.000 as vivendas baleiras da cidade, ás que sumou outras 1.000 que "non están conectadas á auga, co cal seguramente non estean en condicións de ser habitadas".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org