Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ESTATUAS MESTRE MATEO

O alcalde sinala que non caso das estatuas do Mestre Mateo se produciu unha apropiación indebida por parte da familia Franco

20/01/2020

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo para recuperar as estatuas do Mestre Mateo, de Abraham e Isacc, actualmente en poder da familia Franco. O acordo foi aprobado esta mañá en Xunta de Goberno local, en base ao informe da Asesoría Xurídica. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, non ten dúbidas de que "aquí se produciu unha apropiación indebida dun ben patrimonial público e un posterior blanqueamento desa apropiación ilegal". Este recurso será presentados antes do 23 de xaneiro, data na que remata o prazo.
Ademais, o rexedor adiantou que os servizos xuríridos do concello tamén están estudando a posibilidade de plantexar un recurso extraordinario de revisión ante o Tribunal Supremo para "volver atrás no proceso" e aportar novas probas, despois de que a Audiencia Provincial de Madrid dese a razón á familia Franco, argumentando que non está probado que esas estatuas sexan as mesmas que reclama o concello. Para este recurso extraordinario de revisión hai un prazo de tres meses. No caso de que se presente, aclarou o alcalde, haberá que retirar o recurso de casación "porque son incompatibles".

Sánchez Bugallo indicou que hai investigadores que están aportando nova documentación que "non puido ser achegada nos procedementos anteriores". Documentos saídos de arquivos privados e públicos, que proban, "sen ningún xénero de dúbidas", segundo sinalou o alcalde, que as esculturas foron adquiridas polo Concello de Santaigo". Explicou que estiveron na Corporación "até 1954 ou 1955", e "en 1955 aparecen en Meirás sen que exista ningún procedemento coñecido ou documentado sobre como acaban cambiando dun sitio para outro".

O rexedor entende "á luz dos datos que estamos a recibir, que o Tribunal Supremo ten que ordenar a revisión deste procedemento ao haber información nova", e pon de exemplo os datos aportados polo historiador Francisco Prado-Vilar-, que hoxe publica La Voz de Galicia. Engade ademais, que ao ser un ben patrimonio público, as estatuas terían que ser "desafectadas do uso público para ser privatizadas", o que "é evidente que non pasou".

En primeira instancia a xuíza sinalaba que non quedaba probada a posesión das estatuas por parte do Concello. Pero despois do recurso a Audiencia de Madrid cambiou a argumentación, para sinalar que non está demostrado que sexan as mesmas pezas en propiedade do Franco. Para Sánchez Bugallo está "absolutamente claro" que se trata de "as mesmas estatuas". Ademais, lembra que a defensa da familia Franco baseábase na usucapión, un concepto do dereito romano para ter unha propiedade por tenencia prolongada no tempo, pero resalta que non pode aplicarse ao ser "un ben público".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org