Noticias
ECONOMÍA
Sánchez Bugallo presenta o Plan marco de reactivación económica do concello de Santiago
16/04/2020
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo presentou hoxe o "Plan marco de reactivación económica do Concello de Santiago para paliar os efectos da crise sanitaria global provocada pola COVID19". Conta cunha previsión económica inicial de 5.001.439,69 euros, e contempla 23 medidas de estímulo de crecemento e fomento da competitividade da economía local dirixidas á industria e demais sectores produtivos, ao comercio, a hostalería e ao emprego. Trátase dun plan deseñado para favorecer a dinamización económica do municipio unha vez remate o periodo de confinamento, que incide, sobre todo, nos colectivos especialmente castigados por esta crise sanitaria, socioeconómica e laboral: persoas autónomas, PEMES e a poboación desempregada.
O alcalde lembrou que a estas medidas vanse sumar as que están deseñando as concellarías de Turismo e de Acción Cultural, que se presentarán nun futuro próximo. Adiantou que se está completando o plan en materia turística, destacando que se trata dun sector moi importante para Santiago, "porque emprega a miles de traballadores e porque supón, prácticamente, o 20% do PIB da nosa cidade".Tamén é importante, sinalou, o "mundo da cultura". Sánchez Bugallo recoñeceu que as industrias culturais estánse movendo nun escenario "moi complexo", e espera que en dúas semanas "podamos presentar o plan de reactivación da cultura". Subliña que "todos os imputs que recibimos, tanto da Unión Europea como do Goberno Central, indícannos que a actividade cultural plena", reanudaríase ao final das sete fases nas que, indicou "parece que se vai dividir o período de recuperación". O alcalde sinalou que o goberno local é consciente do mal que o está pasando o sector e engadiu, "estamos traballando intensamente nesta cuestión".
Acompañado do responsable da área de Emprego, Xabier Ferreiro, o alcalde explicou que este Plan marco de reactivación económica estrutúrase en 23 medidas, enfocadas a seis eixos estratéxicos, que á súa vez están agrupados en 4 bloques.
Os seis eixos estratéxicos son: axudas directas a comerciantes, hostalería, persoas autónomas e microempresas; apoio específico ao sector do comercio; reforzo da política de fomento da actividade económica e apoio ás novas persoas emprendedoras; contratación directa de persoas desempregadas para a realización de obras e servizos de interese social; mellora do mercado de traballo local; cualificación e inserción profesional; e medidas fiscais.
Dos cinco millóns de euros contemplados no plan, algo máis de 2.000.000 de euros están destinados á contratación de persoas desempregadas, 1.350.000 euros a axudas directas ás empresas; case 830.000 euros a dinamización económica, máis de 500.000 euros á dinamización comercial, e outros 300.000 á mellora do mercado laboral.
Bloque 1. Medidas Fiscais
O bloque un, de medidas fiscais conta cunha previsión económica inicial de 435.000 euros. Contempla as seguintes medidas:
En relación co imposto de bens inmobles, habilítase un novo prazo para poder acollerse ao sistema especial de pago ata o 31 de maio do 2020. Isto permitirá poder pagar o tributo en tres prazos (5 de xullo, 5 de setembro e 5 de novembro), sen xuros.
En relación coa taxa do lixo para actividades afectadas pola declaración do estado de alarma, contempla non aplicar a cota variable do tributo durante o período de tempo no que deban de permanecer pechadas. Conta cunha cunha previsión de gasto inicial de 80.000 euros.
En relación coa taxa por ocupación do dominio público por mesas e cadeiras, contempla que se minore o importe do recibo durante o tempo que non se puido ocupar o domino público como consecuencia do estado de alarma. Conta cunha cunha previsión de gasto inicial de 55.000 euros.
Gratuidade do estacionamento en zonas de ORA (exceptuando a contorna da praza de Abastos), durante a vixencia do estado de alarma. Conta cunha cunha previsión de gasto inicial de 300.000 euros.
Bloque 2. Comercio local
O bloque dous, de apoio ao comercio local, conta cunha previsión económica inicial de 1.140.000 euros, e contempla seis medidas:
Campaña de comunicación de apoio ao comercio local: "#EuMercoAquí", "Desta saímos xuntos, o comercio local é vital", cunha previsión de gasto inicial de 60.000 euros.
Campaña "Parking gratuíto. V ven de compras a Santiago, co obxectivo de gañar en competitividade e atraer á clientela ao centro da cidade. Conta cunha cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros.
Programa de dinamización comercial "Festa da primavera". Co obxectivo de dinamizar os sectores comercil e hostaleiro, desenvolverase un amplo programa festivo (concertos, animación de rúa, etc…). Conta cunha cunha previsión de gasto inicial de 200.000 euros.
Convocatoria de axudas aos xuros das operacións de crédito concertadas polo sector comercial para a obtención de liquidez, complementarias aos créditos ICO e aos créditos do IGAPE. A contía da subvención será o 75% do aboado en concepto de xuros co límite de 1.000 euros por persoa beneficiaria. Conta cunha previsión de gasto inicial de 105.000 euros, que poden ser ampliables ata 305.000 euros.
Convocatoria de axudas para a mellora e innovación da empresa local "Coidar para mellorar, mellorar para coidar", dirixidas a achegar recursos ao comercio local para a adecuación física dos locais, TICs e outras innovacións (para apostar pola venda on-line), e para a realización de campañas de comunicación en lingua galega. Conta cunha cunha previsión de gasto inicial de 310.000 euros.
Convocatoria de axudas dirixidas ás asociacións de comerciantes para actividades de promoción e dinamización comercial, cunha previsión de gasto de 60.000 euros.
Bloque 3. Promoción do emprego
O bloque tres, de promoción do emprego, conta cunha previsión económica inicial de 2.633.439,69 euros, e contempla sete medidas:
Convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación temporal por conta allea. Ten por finalidade facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas desempregadas da cidade, coa subvención ás empresas que realicen contratos de traballo dunha duración mínima de 4 meses a tempo completo, por un importe de 2.000 euros por traballador/a. Conta cunha previsión de gasto inicial de 300.000 euros.
Creación dun "Programa de cualificación profesional", con accións formativas destinadas a 2.500 persoas. Incluirá unha oferta de máis de 5.700 horas distribuídas en máis de 100 itinerarios formativos nos sectores e especialidades con maiores oportunidades de emprego a través de formatos on-line e presencial. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros.
Foro "Talentia Summit 2020". Cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros, vaise reforzar a celebración do encontro Talentia, involucrando directamente ao tecido produtivo e económico da cidade, na presentación de alternativas á creación e procura de emprego e á intermediación laboral. Terá como obxectivo prioritario, facilitar a xestión de 500 ofertas de emprego.
Ampliación do programa de actividades da Axencia Local de Colocación, coa articulación de accións de información, intermediación e orientación laboral en colaboración coas entidades do Pacto polo Emprego. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros.
Programas de contratación temporal directa polo Concello de Santiago en colaboración ca Xunta de Galicia. A través dos mesmos, está prevista a contratación de 70 persoas desempregadas, a través de obradoiros de emprego, contratación directa de persoas desempregadas, vulnerables, e contratación de mulleres. Conta cunha previsión de gasto inicial de 1.448.125 euros.
Programas de formación e inserción en colaboración coa Xunta de Galicia. contempla un programa integrado de formación e inserción profesional destinado a 100 mulleres desempregadas. Conta cunha previsión orzamentaria inicial de 230.315,25 euros,en colaboración coa Xunta de Galicia.
Programas de contratación temporal directa polo Concello de Santiago en colaboración co Goberno Central. Trátase dun programa de contratación de 12 persoas desempregadas para a realización de obras de interese social. Conta cunha previsión de gasto inicial de 355.499,44 euros.
Bloque 4. Promoción Económica
O bloque 4, de Promoción Económica, conta cunha previsión económica inicial de 793.000 euros, e contempla seis medidas:
"Compostela Móvese 2020. COVID19". Trátase dun servizo de apoio integral ao emprendemento e a economía social, que conta cunha previsión de gasto inicial de 203.000 euros divididos en:
I. Servizos de Asesoramento orientados á creación de proxectos cooperativos e colaborativos no eido do emprendemento. 65.000 euros.
II. Actividades de apoio á captación de investimentos e iniciativas empresariais de carácter industrial: 30.000 euros.
III. Actividades de fomento da economía social: 30.000 euros.
IV. Programa de promoción de economía circular: 15.000,00 €
V. Programa de promoción da actividade económica no rural: 30.000 euros.
VI. Patrocinio da Maker Faire Galicia: 15.000 euros
VII. II Feira de Mulleres emprendedoras de Compostela: 18.000 euros
Creación do Comité Económico de Crise, un equipo de estudo, coordinación e co-deseño das políticas económicas a implantar polo Concello de Santiago. Conta cunha previsión de gasto inicial de 20.000 euros.
Creación dunha liña de formación e consultoría on-line. Trátase dun servizo de asesoramento e apoio ás empresas na elaboración de 50 plans de reactivación económica. Conta cunha previsión de gasto inicial de 30.000 euros.
Creación dunha liña de axudas aos xuros das operacións de crédito concertadas por persoas autónomas e micropemes de Santiago de Compostela (similar ao do comercio minorista), e complementarias as axudas do ICO e do IGAPE. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros, (ampliables a 300.000 euros).
Ampliación da participación do Concello en UNINOVA, para o desenvolvemento de programas de transferencia de tecnoloxía e creación de iniciativas empresariais innovadoras. Conta cunha previsión de gasto inicial de 90.000 euros.
Reforzo dos convenios de colaboración coas distintas entidades empresariais, como a Asociación Área Empresarial do Tambre e a Cámara de Comercio de Santiago, para o desenvolvemento de accións de apoio á actividade empresarial. Conta cunha previsión de gasto inicial de 150.000 euros.
Outras noticiass
- O pleno aproba o destino dos remanentes, a modificación de crédito para o Plan de Sostibilidade Turística, e o inicio da modificación do PXOM para regular as vivendas turísticas
- O alcalde de Santiago espera que, no pleno do día 17, a proposta de remanentes saia adiante por unanimidade, despois de incorporar distintas propostas da oposición
- Mercedes Rosón recorda a CA que a experiencia de axudas directas posta en marcha no Auditorio de Galicia e que piden recuperar non funcionou e "foi un caos"
- Sánchez Bugallo anuncia que o goberno municipal destinará 8 millóns de euros de remanentes a obras e a axudar aos sectores máis castigados pola crise sanitaria
- O goberno municipal traballa nas bases da convocatoria de axudas directas á hostalería, un esforzo, destaca o alcalde, maior que o da Xunta
PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org