Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

COVID19

Sánchez Bugallo: "a nosa prioridade é garantir que ningunha familia de Santiago pase fame"

24/04/2020

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo asegurou hoxe, en rolda de prensa, que neste momento a prioridade do seu goberno é garantir "que ningunha familia nen ningunha persoa de Santiago pase fame". Por iso, engadiu, "temos que priorizar a atención social", aínda que tamén se están tomando importantes medidas de reactivación económica. O rexedor anunciou que a próxima semana, o goberno local ten previsto aprobar a convocatoria de axudas a comercios, autónomos e pequeno empresariado, ademais do plan de apoio ao sector turístico.
Tamén esta tarde, se vai celebar un pleno extraordinario para aprobación de dúas propostas da concelleira delegada de Economía e Facenda, Marta Abal: a proposta de modificación das ordenanzas fiscais número 0.00 xeral de xestión, recadación e inspeccción dos tributos e outros ingresos de dereito público e da 3.24 da taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público local; e a proposta de modificación das Bases de Execución do Orzamento Municipal do exercicio 2020. Basicamente, a primeira destas modificacións habilitará á Xunta de Goberno Local para modificar o calendario fiscal, e a segunda, de xestión dos anticipos de caixa fixa, permitirá pagar e xustificar ese pago "a posteriori".

No caso da aprobación do punto 3 do pleno, de modificacións de ordenanzas fiscais e de taxas; o alcalde sinalou, en rolda de prensa, que permitirá unha ampliación do período de prazos, co obxectivo de "facilitar o pago de tributos municipais". Tamén permitirá, en casos como o pago das taxas de lixo ou das taxas por mesas e cadeiras, reducir o importe do recibo en proporción aos días que dure a limitación da ocupación. Loxicamente, engade Sánchez Bugallo, non debemos cobrar por un servizo que non se presta".

A aprobación destas medias, sinalou Sánchez Bugallo, implicarán unha redución de ingresos duns 100.000 euros ao mes para as arcas municipais, pero non unha redución de gastos, ou que suporá "unha tensión moi notable" nas contas.

Entre os gastos que se están incrementando, o alcalde citou os relacionados coa área social: tickets especiais de compra, servizo de comedor, o SAF (Servizo de Atención no Fogar), ou a acollida de persoas que están na rúa, en colaboración coa igrexa e con Cáritas, ao que agradeceu o seu apoio. Programas que, sinalou Sánchez Bugallo, "están implicando un custe adicional extraordinario, de entre 70.000 e 80.000 euros semanais para o propio Concello".

A isto compre engadir, continuou, "os gastos extraordinarios derivados das medidas de hixiene e de protección do persoal do concello que está prestando os servizos básicos", e os gastos derivados do teletraballo, concretamente dos 180 funcionarios/as que neste momento están traballando desde a súa casa; o que incrementa esta cifra ata os 100.000 euros semanais. "Por un lado estamos minorando dunha forma significativa os ingresos, e por outro lado prodúcese un importante incremento no capítulo de gastos. Por iso cando falamos, por exemplo, do Plan de reactivación económica, temos que ver todo á vez. O concello só ten un presuposto. Un mesmo presuposto", engadiu. Nese presuposto, indicou, "temos que priorizar as atencións sociais. Non podemos permitir que ningunha familia nen ningunha persoa de Santiago pase fame".

SECTOR HOSTALEIRO

A próxima semana, segundo anunciou Sánchez Bugallo, tamén está previsto o impulso do plan de turismo, no que se abordarán as medidas de apio aos locais de hostalaría e, a maiores, estase ultimando medidas de apoio á cultura.

Neste sentido, e ante as críticas de parte do sector hostaleiro, lembrou que unha parte das medidas estarán incluídas no citado programa, tal e como se lles informou durante os encontros celebrados para a súa elaboración.

Bugallo asegurou comprender "a situación difícil que atravesa" o sector, pero instou a "entender" que "hai cousas que se poden facer e outras que non", sobre todo nun momento no que se debe priorizar o apoio "ao máis débil" pola caída de ingresos e da recadación.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org