Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ACCION CULTURAL

A concellaría de Acción Cultural está traballando nun plan efectivo de reactivación do sector

05/05/2020

A concellaría de Acción Cultural está traballando nun plan de reactivación do sector, con distintas accións e medidas, que ante a actual situación de crise, dean unha resposta efectiva, especializada e segmentada da programación tanto en espazos como en públicos obxectivos. Un proxecto composto por múltiples actividades de pequeno formato; cunha clara orientación social, construído sobre a base da seguridade e coordinado co sector e coas distintas áreas do Concello.
A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, destaca a importancia do sector cultural da cidade, e amosa a súa preocupación pola situación que está atravesando. Pero, sinala, "a pesar do avanzado das medidas, temos que ser prudentes, e non podemos pechalas nin presentalas ata coñecer o marco legal e de seguridade nos que se poden desenvolver, que ten que ser ditado polo Goberno Central e pola Xunta de Galicia". Porque, continua, "non podemos reiniciar a actividade cultural se non se garanten as medidas de seguridade e hixiene necesarias. Temos que actuar con coherencia, dentro da certeza, e non xerar falsas expectativas nin lanzar medidas que despois non podamos cumprir".

Precisamente, garantir a seguridade, é un dos principais obxectivos do plan no que traballa a concellaría de Acción Cultural. Pero hai máis, como pór en valor o tecido cultural, buscar a eficiencia na realización da programación; reactivar a vida social e económica da cidade, descentralizar as programacións e realizalas de xeito máis participado posible polos axentes locais, implementar un modelo social de programación cultural do Concello que busque repercutir positivamente na cidadanía en tempos difíciles; segmentar as programacións por públicos aos que se dirixen, espazos escénicos e territorios; e asociar a marca da cidade coa cultura.

Uns obxectivos que se lle trasladaron aos distintos axentes culturais e ao grupo do BNG, igual que as distintas medidas contempladas no programa. Mercedes Rosón agradece ao BNG "o seu interese e as súas achegas, moitas delas coincidentes" e recorda que as diferentes accións previstas no plan que está ultimando o concello de Santiago xa foran faladas, en días pasados, coa portavoz do BNG. Está previsto que, antes de difundilas, se lle presenten ao resto de grupos da oposición.

Neste momento o concello de Santiago está a espera de que se publiquen tanto no DOG como no BOE, as medidas de reactivación do sector cultural do Goberno Central e da Xunta, fronte aos efectos derivados da COVID19.

Por outra banda, o concello de Santiago adhírese ao compromiso público coa cultura, impulsado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), coa que a concellaría de Acción Cultural e o Auditorio de Galicia mantiveron contactos para falar, entre outros asuntos, da actual situación das industrias culturais.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org