Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

EDUCACION

A concelleira Noa Díaz reclama da Xunta de Galicia unha maior previsión e mellor organización no ámbito educativo

08/05/2020

A concelleira de Educación, Noa Díaz, denuncia que, ante a falla de implicación da Xunta de Galicia, os concellos están asumindo "por unha mera cuestión de responsabilidade", competencias que non lles corresponden e que supoñen unha merma dos seus recursos, "como pode ser a cesión ou compra de equipos informáticos".
Así, co obxecto de que todo o alumnado de Primaria teña acceso ás clases en liña así como recursos dixitais para poder rematar este curso escolar en condicións de equidade, o Departamento de Educación entregará a comezos da vindeira semana, en concepto de cesión, 30 tablets e 50 routers propiedade do Servizo de Informática do Concello de Santiago, ademais de 120 tarxetas SIM de 60GB con conexión ata o 30 de xuño, que os centros distribuirán entre o seu alumnado con criterios que dean prioridade ao que cursa estudos nos niveis máis altos e que teña algún outro irmán ou irmá en idade escolar.

A Consellaría de Educación deu instrucións aos centros de que o curso continuaba a distancia, e para iso entregou estas semanas pasadas equipos informáticos e de conexión ao alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP, "pero botamos de menos unha maior implicación en niveis educativos que tamén son obrigatorios, como Primaria".

FALLA DE PREVISIÓN

Díaz destaca unha "falla de previsión e mesmo de organización" do Goberno autonómico no que atinxe a cuestións que van máis aló do préstamos de equipos. "A Xunta de Galicia regula, por exemplo, o prazo de admisión nos colexios pero non fornece ao seu persoal de material de protección que garanta a seguridade ás persoas que estes días van ter que estar en contacto con numerosas familias". De novo, engade a concelleira, "aí estará o Concello de Santiago, que o luns repartirá con Protección Civil material de protección -en concreto máscaras e luvas- para os equipos directivos dos centros públicos de Santiago".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org