Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ECONOMÍA

Presentado o primeiro plan de contratación do Concello de Santiago, que contempla investimentos por case 800 millóns de euros, favorecendo a reactivación económica

05/06/2020

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, presentaron o primeiro Plan de Contratación do concello de Santiago, que recompila, nun único documento, as previsións contractuais dos distintos servizos municipais. En concreto, para este ano 2020 recolle un total de 113 contratos por 794.922.794,31 euros. Está cantidade inclúe o valor estimado do contrato, sumando a duración do mesmo e as prórrogas. Segundo indicou o rexedor, este plan influirá, de xeito positivo, na reactivación económica do Concello. "Vai haber", dixo, "un investimento moi importante, vai haber creación de emprego e vai haber unha mellora notable da calidade dos servizos".
O alcalde destacou que desenvolver este plan precisa "dun esforzo extraordinario", xa que non é habitual, "este volume de contratación", que atribuiu "as circunstancias nas que nos atopamos, coa gran maioría de contratos caducados ou a punto de caducar". O obxectivo, apuntou Sánchez Bugallo, é chegar a final de ano con todos estes contratos licitados, a pesar da complexidade do proceso. O rexedor vinculou este primeiro plan de contratación co plan de reactivación económica do Concello. Todos estes programas de contratación van ofrecer, dixo, "moitas posibilidades de xerar emprego e de atraer investimento para a cidade". Dous factores que cualificou de "moi positivos e moi necesarios no escenario económico no que estamos". Todo esto, engadiu, "débenos permitir dar un salto cuantitativo e cualitativo na calidade de servizos de Santiago".

No contexto actual de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no que nos atopamos dende o pasado 14 de marzo, e que motivou a declaración do estado de alarma, fai que o Plan de Contratación se converta nunha ferramenta das moitas que, sen dúbida, sinala a concelleira Marta Abal, "deberán artellarse para conseguir minimizar ou aliviar o escenario económico previsible. Se nun escenario de máis estabilidade a contratación pública alcanza valores económicos próximos ao 20% do PIB anual, no escenario actual a contratación pública será fundamental nos plans e medidas que todas as administracións arbitren no futuro máis inmediato como instrumento clave para a reactivación económica e a xeración de emprego".

Non obstante, engade Marta Abal, "tendo en conta que o Plan é un documento programático e de mera previsión en tanto que recolle datos de carácter estimativo e non vinculantes, e dado o contexto económico actual derivado da crise sanitaria, é probable que algunhas destas estimacións se vexan reforzadas ou moduladas, para adaptalas ás circunstancias que concorran en cada momento".
Outra das finalidades deste plan, segundo explicou Marta Abal, é dar a coñecer, nun único documento, as necesidades institucionais que pretenden cubrirse mediante os contratos que se relacionan; xa que inclúe todos os contratos obxecto de licitación no exercicio 2020, tanto os licitados como os pendentes de licitar. A concelleira destacou que "isto é un exercicio de transparencia impresionante tanto para os grupos políticos como para a cidadanía", porque, engadiu, "ver nun só documento toda a actividade contractual, que é a parte esencial fundamental dunha administración, é un cambio importante"

DATOS

Durante a súa intervención, Marta Abal deglosou os principais datos contidos no documento, aclarando que "o valor de cada contrato inclúe o orzamento total de licitación, xunto coas súas posibles prórrogas e modificación orzamentarias". Especificou tamén que non inclúe o IVE,e que tampouco inclúe "contratos menores nen a previsión da actividade contractual das entidades públicas instrumentais do Concello".

As cantidades estimadas e agregadas por concellarías que resultan son as seguintes:

-Alcaldía. 2 contratos por un valor de 403.669,00 euros.

-Concellaría de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente, Parques e Xardíns. 7 contratos por valor de 628.096.707,58 euros. Destaca o contrato de saneamento e abastecemento de auga, por 25 anos con prórrogas, que suma 452.500.000 euros; e o de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria, por 114.027.864 euros.

-Concellaría de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local. Son 45 contratos, por valor de 19.012.860,44 euros. A concelleira destacou o de Smartiago, por 3.928.252,93 euros, que sinalou, intentará licitalo antes de que remate este mes de xuño.

-Concellaría de Centros Socioculturais, Barrios e Obras. Son 14 contratos por valor de 9.393.623,73 euros.

-Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural. Suma 6 contratos por valor de 1.635.107,74 euros.

-Concellaría de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas. Son 9 contratos que suman 122.330.143,17 euros. Destaca o contrato de Transporte urbano por 12 anos e un valor de 117.241.948, 28 euros.

-Concellaría de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas. Son un total de 6 contratos por 8.559.842,64 euros.

-Concellaría de Deportes e Benestar Social. Suma 4 contratos por 1.500.180,68 euros.

-Concellaría de Medio Rural. Son un total de 20 contratos, que ascenden a 3.990.659,33 euros.

Durante a rolda de prensa, Marta Abal agradeceu a implicación dos distintos departamentos municipais neste plan e salientou o traballo que están levando a cabo.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org