Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

COVID19

O alcalde afirma que adiantar a saída do estado de alarma por parte da Xunta "é máis un elemento psicolóxico que outra cousa"

15/06/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou hoxe, en rolda de prensa, que adiantar a saída do estado de alarma por parte da Xunta de Galicia, "é un elemento máis piscolóxico que outra cousa" para transmitir "esa imaxe" de que Galicia foi "a primeira comunidade autónoma en recuperar a nova normalidade".
É evidente, argumenta o rexedor, que "a comunicación interprovincial xa estaba restablecida, que a conexión con Asturias e Castela-León non se vai restablecer antes do día 22, e polo que parece a conexión con Portugal non se vai restablecer antes 1 de xullo". Polo tanto, explica, só hai dous cambios: que a máxima autoridade é a comunidade autónoma e que se transmite a imaxe, cara o resto de España, de que Galicia xa recuperou esa nova normalidade.Os cambios, indicou, "parécenme moi limitados.

Sánchez Bugallo sinalou que "máis importante que correr moito é ir seguro", Polo tanto, engade, "todos temos que adoptar as medidas de precaución imprescindibles para evitar que se produzan rebrotes". Para o rexedor, sería moi negativo que se tiveran que dar pasos atrás. Neste sentido apelou á prudencia da cidadanía. Un retroceso, dixo, "sería moi negativo", non só para as persoas que puideran contaxiarse; tamén "pola a imaxe que trasladaría do país e do conxunto da sociedade".

Este escenario de nova normalidade é, explicou, "dunha complexidade extraordinaria". O rexedor indicou que desde o goberno local vaise proceder a analizar con detimento o contido dos decretos aprobados polo Consello da Xunta a proposta de Vicepresidencia do goberno autonómico e da Consellería de Sanidade; para ver como se poden adaptar "e darlle cumprimento ás medidas que se reclaman".

Entre esas medidas complexas pon como exemplo as que cómpre adoptar cos parques. Explica Sánchez Bugallo o concello de Santiago conta con 153 instalacións deste tipo (82 parques infantís, 51 pistas polideportivas ao aire libre, e 20 parques ), o que fai moi difícil, realizar a adaptación, sobre todo a limpeza. A previsión é abrilos o próximo 1 de xullo. Para o alcalde, é indispensable, en todo o que se faga, garantir as medidas de seguridade.

O rexedor sinala que a nova normalidade coñecémola o domingo, e recorda que prosigue o estado de emerxencia sanitaria declarado polo goberno galego no mes de marzo. Polo tanto, aclara, as instruccións e indicacións dictadas polo Consello da Xunta e pola Consellería de Sanidade siguen estando en vigor. A partir de aí, engade, "iremos paso a paso. Nós non queremos avanzar moi rápido, queremos avanzar de forma firme e actuando con prudencia".

VALORACIÓN MANDATO

Preguntado sobre que nota lle pon ao goberno neste primeiro ano de mandato, o alcalde afirmou que iso lle corresponde aos cidadáns. Para Sánchez Bugallo foi un ano "imprevisto" e "imprevisible", pola cantidade de cousas que pasaron, que eran "impensables". En todo caso dixo sentirse "especialmente orgulloso" do traballo e do papel do "conxunto dos composteláns" á hora de afrontar esta crise, que cualificou de "éxito conxunto de toda a cidadanía".

O rexedor cre, "modestamente", que o Concello de Santiago, estivo a "unha altura notable, como mínimo, e mesmo sobresaliente" nalgunhas das decisións tomadas. Citou, en concreto, os programas desenvolvidos de axuda ás persoas sen fogar, que estiveron, sinalou "moi por enriba da media"; os programas de axudas ás persoas sen recursos económicos, e especificamente o apoio prestado a través dos tickets especiais de compra, con 1.500 familias atendidas que suman case 4.000 persoas. "Creo", engadiu, que a cidadanía é consciente "de que este traballo se fixo ben". Sánchez Bugallo asegurou que a frase que máis veces lle repetiron foi "menos mal que estabades vós. Unha frase que me dixeron ducias de persoas pola rúa", conclúe.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org