Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

IGUALDADE

Noa Díaz reivindica unha lei Trans galega e apoia a tramitación da Lei Trans estatal

18/06/2020

A concellería de Igualdade desenvolverá a próxima semana diversas accións con motivo, o vindeiro 28 de xuño, do Día Internacional do Orgullo LGTBI co que se reivindica a normalización das distintas orientacións sexuais, dos diferentes xéneros ou dos corpos con sexualidades non normativas.
Por todo o acontecido debido á pandemia da COVID-19, este ano as reivindicacións do colectivo LGTBI non poderán desenvolverse nas rúas e prazas, pero dende o Concello de Santiago continúase traballando para conseguir unha sociedade con igualdade de dereitos reais, dignidade e respecto para todas as persoas LGTBI. De igual maneira, trasládanse para despois do verán diversas accións previstas referidas a campañas de visibilización e loita contra a LGTBfobia.

A concelleira de Igualdade, Noa Díaz, quere aproveitar ademais esta celebración para reivindicar o desenvolvemento dunha Lei Trans Galega e apoiar a tramitación da Lei Integral Trans que, tal como asume o acordo da coalición para o Goberno do Estado, recolla o principio de autodeterminación de xénero e consolide a despatoloxización das identidades trans. "O novo goberno autonómico deberá tamén actualizar a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia", engade.

O grupo municipal socialista levará ao Pleno da vindeira semana unha declaración institucional centrada este ano nas mulleres lesbianas, transexuais e bisexuais, as grandes invisibilizadas; e na súa loita para conseguir unha sociedade na que todas as persoas, sen exclusión, gozaran de plenos dereitos e igualdade real, sen etiquetas nin impedimentos. Nomeadamente, prestarase especial atención ás mulleres transexuais, presas dunha dobre discriminación e desigualdade, por seren mulleres e por seren trans, con grandes dificultades á hora de incorporarse ao mercado laboral.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org