Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

Sánchez Bugallo anuncia que en xullo ou setembro sairá a licitación o novo contrato de recollida de lixo, no que quedarán garantidos os dereitos dos traballadores.

26/06/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que "somos os primeiros en denunciar e lamentar" a situación dos traballadores de Urbaser, que onte no pleno se referiron á falla de persoal, con numerosas baixas sen cubrir, o que dificultaba o desempeño do seu labor. O rexedor recordou que o contrato de recollida de lixo está vixente hai quince anos, cando é un contrato de dez anos. Engade que "os vehículos non están en condicións, os colectores non están en condicións, por iso considermos urxente sacalo a licitación, a ser posible ao longo do mes de xullo se temos todos os informes xurídicos preceptivos, e se non no mes de setembro". Continúa o rexedor que para "nos é unha prioridade, porque o servizo non da máis de si". O alcalde agradeceu aos traballadores de Urbaser "o seu excelente traballo durante toda a etapa da COVID19". E afirmou que os seus dereitos laborais, "sexa cal sexa o concurso van quedar preservados e garantidos".
Aínda así o alcalde é claro: "non confundamos os papeis. Cada un defende o que defende. Os traballadores o que están defendendo son os seus convenios e os seus dereitos laborais, e a defensa do servizo público lévaa a administración". Sánchez Bugallo recordou que os sábados non se recolle lixo por unha reivindicación laboral "que outro goberno, non o meu, porque eu non o aceptei no seu día", apoiou esa decisión favorable aos traballadores, "pero non tan favorable para o conxunto da cidadanía que ve como o lixo queda cada fin de semana nos contedores ata que é retirado o domingo pola noite.

O rexedor sinalou que había base legal para revisar ese acordo cando o grupo socialista accedeu ao goberno municipal, pero "para non montar conflicto e ser respectuosos coas decisións que tomara o executivo anterior, decidimos aceptar. Pero, indicou, toda a cidadanía de Santiago é testemuña de "que hai unha certa incomodidade e temos recibido queixas porque os contedores están cheos ao longo da xornada do domingo". Iso, aclara, foi unha reivindicación sindical, dos mesmos que agora, "falan da defensa do interese público". Polo tanto, engade, "non confundamos as cousas. O sindicato defende os intereses dos traballadores e polo interese público vela a administración. Iso si, engade o alcalde, "vemos positivo que a preservación do servizo público é fundamental porque se non non ten sentido a función que desempeñamos".

HOSTALERÍA

O alcalde afirma que está habendo "acordos múltiples" coa Asociación de Hostalería Compostela", en referencia as declaracións da entidade de falla de actividades. Sinala Sánchez Bugallo que os principais beneficiarios das solucións que o concello foi tomando en materia de terrazas "son os hostaleiros". E recorda que a decisión de peonalizar varias rúas do Ensanche inicialmente se tomou para beneficiar aos hostaleiros, aínda que aogra tamén está beneficiando ao comercio. A isto engádense actividades como Prima20, ou as festas do Apóstolo, "nas que esperamos que a hostalería se vexa beneficiada".

Engade que neste momento está publicada a convocatoria de axudas ao sector hostaleiro e agora, "eles nos acaban de presentar unha proposta de actividades na que nos acaban de pedir 80.000 euros de subvención". Sinala o alcalde que "imos colaborar co sector, e nese programa de actividades, pero creo que non merecemos tanta crítica".

A SIONLLA BIOTECH

O alcalde amosouse satisfeito da aprobación, polo Consello da Xunta, da subvención para a posta en marcha do biopolo da Sionlle. É un proxecto, sinalou "que encabeza a Asociación Área Empresarial do Tambre, na que ten unha participación activa e decidida o concello de desde o minuto menos un". O alcalde espera que "se poida remitir hoxe mesmo á asesoría xurídica" o convenio coa AAET, para impulsar este proxecto".

O centro vaise construir, segundo explicou Sánchez Bugallo, nunha parcela propiedade do concello de Santiago, polo tanto "temos que habilitar as fórmulas para poder pór esa parcela a disposición dese obxectivo". Un proxecto, que o alcalde cualifica de "moi importante" para ampliar e diversificar a base económica da cidade, e "de apostar por unha industria vinculada á teconoloxía, e moi especificamente á biotecnoloxía", que unha "das apostas de futuro da cidade".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org