Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ELECCIÓNS

Gonzalo Caballero arranca a campaña en Santiago, arroupado pola Agrupación Socialista de Compostela

25/06/2020

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, arroupado pola Agrupación Socialista de Compostela, arrancou a campaña electoral nos xardíns de Fonseca, co tradicional acto de pegada de carteis que marca o arranque da campaña. En compañía do alcalde, Xosé Sanchez Bugallo, e da número dous da candidatura socialista pola provincia, Noa Díaz, Gonzalo Caballero asegurou que "temos a forza para gañar e gobernar Galicia".
Caballero pediu o voto por primeira vez nesta campaña a todos os que apoiaron ao PSdeG-PSOE nas distintas citas electorais do ano pasado, posto, engadiu "que o seu apoio fixo posible vencer ao PP en Galicia por primeira vez na historia e que máis da metade dos galegos e galegas teñan hoxe un alcalde ou alcaldesa socialista". A última peza "para construír o progreso e dar un futuro de oportunidades a Galicia", dixo, é poñer un presidente socialista á fronte da Xunta.
"O vindeiro 12 de xullo, xogámonos o futuro de Galicia entre o PP e un PSdeG que vai liderar a maioría de progreso que necesitamos en Galicia", afondou, "cómpre pasar páxina ao proxecto esgotado" de Feijóo que "non aporta nada positivo para Galicia neste momento".
Ademais, coa vista posta na crise derivada da covid, Gonzalo Caballero advertiu que non podemos formular a reconstrución de Galicia de novo "con recortes, retrocesos en dereitos, privatizacións e supresión de servizos públicos".
Así pois, "con todo o ánimo e a ilusión", Gonzalo Caballero chamou a desenvolver unha campaña "en positivo" que traslade a cada galego e a cada galega que "temos un proxecto que non vai contra ninguén, senón a favor de que Galicia avance".
O alcalde de Santiago interviu antes do candidato socialista. Sánchez Bugallo sinalou que "cada ano que pasa imos menguando o noso peso na poboación e na economía. Estas persoas, esta sociedade, o que necesita é un cambio. Un cambio o 12 de xullo", engadiu.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org