Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ELECCIÓNS

O alcalde de Santiago anima á cidadanía a ir votar o domingo porque "non debemos permitir que ninguén decida por nós"

10/07/2020

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, animou a todos os composteláns a ir votar o vindeiro domingo, 12 de xullo, "libremente, á opción que estimen máis conveniente e mellor para o país". Unhas votacións nas que se decide o futuro presidente da Xunta de Galicia e nas que o rexedor, confirmou que, "non é un segredo" que votará ao PSdeG, co candidato Gonzalo Caballero como cabeza de lista. "O que non me parecería bo", engadiu, "é que renunciaramos a exercer ese dereito, esa liberdade, e dalgunha maneira, ese compromiso que temos coa sociedade".
Sánchez Bugallo pide a todas as persoas que vaian exercer o seu dereito ao sufraxio "que respecten as condicións de seguridade" e sanitarias requeridas, e aconsella levar o voto da casa. Polo demais, continuou, "todo estará perfectamente preparado, nas cabinas, nas mesas electorais" e nos diferentes colexios de Santiago. Agradeceu especialmente o labor "de todas as persoas que fan isto posible, os integrantes das mesas, as persoas que van estar nas mesas electorais: interventores, apoderados, representantes da administración, voluntariado de protección civil, membros dos corpos e forzas de seguridade e o persoal de limpeza, que vai estar traballando ao longo de todo o día", para manter os espazos electorais en perfectas condicións. Para o rexedor "é un gran esforzo colectivo que paga a pena, ao que temos que corresponder respectando as normas, pero indo votar", porque, engadiu "non debemos permitir que ninguén decida por nós".

NOVA NORMALIDADE

A partir do luns, aseguro o alcalde, "sexa cal sexa o resultado das eleccións, continuaremos co noso traballo". Recordou que se acaba de presentar o programa de festas e que estamos asistindo a "unha recuperación paulatina da normalidade". Explicou que o volume do transporte público vai medrando pouco a pouco, que "onte foi do 55,2%, o máis alto da secuencia desde o pasado 18 de marzo"; e o transporte privado está estabilizado entre o 78 e o 82%. Engade Sánchez Bugallo que "nos espera un verán coas súas complexidades, pero estou convencido que lle faremos fronte traballando entre todos".


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org