Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ALCALDÍA

O alcalde agradece o comportamento da cidadanía durante as festas do Apóstolo, que rematan hoxe

31/07/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, felicitou á cidadanía de Compostela polo seu civismo e comportamento durante as festas do Apóstolo, das que asegurou, está "moi contento" de organizalas. En rolda de prensa, o rexedor aclarou que o concello aforrou este ano no caché dos grupos que participaron nas festas do Apóstolo, pero ese aforro,engadiu, gastouse "en produción" para habilitar o sistema de reservas, os controis e as desinfeccións.

Os lumes desta noite porán punto final a unhas celebracións atípicas. O alcalde pediu á cidadanía que evite "concentrarse" no lugar desde o que se lanzan: a escalinata do Campus Sur.

SUPERAVIT

Sánchez Bugallo considera que "ningún concello pode estar contento" coa proposta de transferir os remanentes de tesouraría á administración central e que esta devolva un 35 por cento para determinados usos nos municipios.

O alcalde amosou a súa disposicón a destinar en torno ao 50 por cento do seu remanente, que cifrou en 12,4 millóns de euros, á reactivación económica, pero a estas alturas do ano empeza "a perder a esperanza". Neste momento, explicou, está á espera do resultado da negociación da Federación de Municipios e Provincias (FEMP) co Goberno de España e comparou as dúas opcións: manter os fondos "bloqueados nun banco" sen utilizados, ou aceptar a vía para poder dispor dese 35 por cento.

Sánchez Bugallo quixo aclarar que "os concellos non teñen "ningún buraco, téñeno outras administracións". "Somos a única administración pública que temos recursos que non nos deixan usar", sinalou. Tamén se amosou dacordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e rexeitou ter que asumir os concellos os gastos extraordinarios da limpeza especial nos centros escolares. En referencia a eses fondos, subliñou que "só faltaría que non nolos deixen usar para facer fronte a gastos extra que nos veñen impostos por outras administracións", como sucede cos protocolos da Xunta de Galicia que obrigan a limpar catro veces ao día os colexios, pero sen asumir eles o custe "Imponnos e ningunha nos da un euro", engadiu.

O alcalde calcula que Santiago debe afrontar uns 4 millóns de euros de gastos extra derivados da crise polo coronavirus e, coa limpeza nos colexios, o concello está "a empezar a botar unhas contas demoledoras" porque pode supor outro medio millón máis. O sobrecusto, insistiu, é "absolutamente extraordinario, e non vexo a ninguén que achegue un euro".

ÁREA CENTRAL

O alcalde sinalou que confía en que a recuperación do sector turístico, aínda que non será "inmediata", será "sostida e indicou que supón en torno ao 25 ou 30 por cento dos empregos da cidade.

Sobre a situación de Área Central, sinalou que, casualmente, "os dous portavoces dos grupos que interviron" cando se debateu a proposición no Pleno, "foron os responsables da política municipal nesa materia no mandato do Partido Popular e no mandato de Compostela Aberta". E "podo dicir",engadiu, "que fixemos nós máis nestes últimos oito meses, do que fixeron entre os dous nos últimos oito anos". Entre as decisións adoptadas polo actual goberno sinalou a colocación da pista de xeo en área central, o convenio de bonos de aparcamento asinado onte, cunha parte para Área Central", ou a asunción da metade do custe de limpeza e seguridade durante a crise do coronavirus, que se prolongou ata o mes de xuño.

O alcalde sinalou que "é evidente que queremos axudar a Área Central". Unha das propostas é trasladar o mercaiño dos xoves á rúa Roma, que podería ser unha actividade "complementaria",engadiu, á implantación de comercios tipo 'outlet' no edificio, ou a aposta polo ocio, ou o apoio a campañas de promoción. En calquera caso, Sánchez Bugallo considera que este é un espazo que se ten que "repensar". O problema, aclarou, e que é un espazo de uso público pero de titularidade privada; ao que se engade, subliñou, que "hai unha porcentaxe non pequena de locais que non están a pagar os gastos de comunidade" , polo que os responsables do complexo "terán que tomar medidas" oportunas.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org