Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

COVID19

O alcalde aclara que os recursos que non se consumiron nas festas destínanse a actividades económicas

31/08/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo sinalou hoxe que "os recursos que non se consumiron para as festas están a utilizarse para promoción de actividades económicas". O rexedor respondía así á proposta realizada desde Compostela Aberta de destinar estas partidas a gasto social.
Sánchez Bugallo aclarou que "non hai recursos sobrantes, senón que se están reconducindo a actividades máis produtivas de acordo coa situación actual". Sobre os Servizos Sociais, confirmou que, de momento, "non hai ningún recorte e menos por gastos noutras materias". Asegurou que se incrementaron enormemente as prestacións que se estaban mantendo" e engadiu que se seguirá facendo", pois hai dúas prioridades para o goberno municipal: "a atención aos que máis o necesitan e o apoio á reactivación económica".

COMEZO CURSO ESCOLAR

O rexedor confirmou que as escolas infantís municipais de Fontiñas, Conxo e Salgueiriños-Meixonfrío, comezan o curso mañá, 1 de setembro ao non detectarse positivos por COVID-19 no test do persoal. "Salvo novidade" nas últimas horas, a apertura "está prevista" para este martes, sinalou.

Indicou, tamén, que o seu goberno segue "pendente" do próximo luns día 7, cando a Xunta prevé ter listo o protocolo definitivo de prevención fronte á covid-19 para os centros de infantil e primaria. "Se a consellería considera que debe haber cambios non previstos", engadiu, o alcalde non descartou "a posibilidade de demorar uns días a apertura dos colexios", prevista, en principio, para o 10 de setembro, "porque efectivamente entre o día 8 e o 9 non é demasiado prazo de tempo no caso de que haxa moitas novidades". Sánchez Bugallo tamén manifestou a súa "especial preocupación" con respecto aos comedores escolares e espera que "todo poida funcionar con normalidade".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org