Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

EDUCACION

Noa Díaz fai balance da súa etapa á fronte de Educación, Igualdade, Mocidade e Lingua

02/09/2020

A concelleira de Educación, Igualdade, Mocidade e Lingua, Noa Díaz, realizou hoxe un balance da súa etapa á fronte dos citados departamentos, despois de tomar posesión como deputada autonómica o pasado 7 de agosto, e dous días antes de aceptar a súa renuncia no pleno que se celebrará o vindeiro venres, 4 de setembro. Díaz agradeceu o traballo do persoal técnico e dos compañeiros de grupo, "que confiaron en min para esta tarefa complexa e sen dúbida moi intensa".
Segundo explicou, "entendo a política como servizo público, e por iso hoxe quería dar conta da miña acción á fronte da Concellaría de Educación, Igualdade, Mocidade e Lingua. Penso que é deber de calquera persoa que se dedique á política responder ante a cidadanía do que fixo e do que non fixo". Empezou falando da resposta á crise sanitaria porque, afirmou, "na miña opinión este equipo de goberno, do que estou moi orgullosa, respondeu con celeridade e altura de miras á labazada que supuxo a COVID19, adoptando medidas urxentes, moi moi complexas, pero sempre tendo presente que o obxectivo primeiro eran as persoas."

De aí que, continou "por exemplo, dende o Departamento de Educación garantimos o servizo de comedor escolar aos nenos e nenas que gozaban dunha bolsa aínda que os colexios estaban pechados; fornecimos de equipos informáticos e conexión de internet a aquelas familias que colexios e entidades sociais do Concello nos indicaron que tiñan dificultades para continuar co curso; ou eximimos do pago das mensualidades das escolas infantís e da Escola Municipal de Música a pesar de que continuaron prestando servizo de maneira virtual. Pero ademais pensamos nas mulleres, esas mulleres que ían ter que convivir co seu maltratador baixo o mesmo teito e durante un tempo indefinido e eterno, e para elas ampliamos o servizo de asistencia do Centro de Información á Muller e coordinamos unha campaña institucional de apoio a elas e de reclamo á cidadanía para non deixalas soas. Para a xente moza, coordinamos dende o Centro Xove numerosas actividades en liña que contaron cunha moi alta repercusión, do mesmo xeito que se fixo dende Lingua. Pero é que tamén a Escola Municipal de Música, que continuou coa súas clases de maneira virtual nos agasallaba de cando en vez con pezas audiovisuais que daban conta do grandísimo traballo feito neses momentos e para os que non estábamos nin estaban preparados", engadiu.

EDUCACIÓN

No balance por áreas, destacou que deixa a concellaría de Educación con mágoa, "cun curso moi complexo a 6 días de comezar e ter que abandonar as miñas responsabilidades neste dpartamento". Noa Díaz destacou que levan "traballado moitísimo estes últimos meses, e o último que quixera é que todo ese esforzo caera en saco roto ou mesmo que a cidadanía non soubese de todo ese esforzo, fundamentalmente dun equipo de mulleres que diariamente se deixan a pel no edificio do Cersia". Resaltou que "cando aparece unha pandemia destas características e nos colle a todos por sorpresa créanme que non é doado nin tomar decisións nin organizar cuestións que afecten a tantísimas familias e que requiren dunha colaboración institucional inxente e transversal".

Do labor feito, destacou o peche e avance en temas pendentes, a maior parte deles contratos. Así, engadiu "lanzamos o contrato do servizo de comedor e madrugadores, o da Ludoteca de Fontiñas, é inminente o da Escola Municipal de Música, e está moi avanzado xa o de Conserxería e Limpeza". Ademais do traballo administrativo, tamén "hai tempo para organizar actividades xa educativas como pode ser a campaña que é unha xoia deste concello de animación á lectura xunto co premio de Álbums Ilustrados e que, esta vez si, grazas á pandemia puiden participar".

Noa Díaz tamén quixo agradecer "o talante e a boa disposición de toda a comunidade educativa do Concello, dende escolas infantís a CEIPs, escolas rurais, Institutos, centros de FP e centros de Educación Especial".

LINGUA

Na área de Politicas Lingüísticas, a concelleira destacou o impulso do Programa Apego "cunha fortísima aposta polo Centro Apego do Ensanche no que organizamos múltiples actividades para os mais pequenos ou cursos de acollemento lingüístico para persoas estranxeiras, que mentres poden deixar ás súas fillas e fillos en actividades de inmersión lingüística simultáneas". Tamén citou programas como Regueifas ou Youtubeir@s, "ter a honra de participar no Premio Manuel Beiras ou ser partícipe da constitución da Asociación que aglutina os Departamentos de Lingua de Concellos galegos, a Asociación de Entidades locais pola Lingua ".

"Fixemos tamén", engadiu Noa Díaz, "grazas á colaboración do concello de Ames, un manual de lingua para ritos funerarios e agora o Departamento está inmerso, entre outros proxectos, na administración electrónica coidando moito a utilización de linguaxe non sexista e xa por fin adaptada ás novas realidades familiares".

MOCIDADE

En Mocidade, do que Noa Díaz se sinte máis orgullosa é "de dar o pulo definitivo para a mellora e acondicionamento dos locais de ensaio e da Nave da Almáciga. Puxemos moito empeño para que en canto estivese dispoñible a partida orzamentaria comezar coas obras para que a xente nova poida saír canto antes do estadio de San Lázaro e gozar dese novo espazo no centro da cidade".

Lembrou tamén os proxectos truncados pola pandemia. "Dous deles", explicou "tiñan para min especial interese e eran a loita contra a ludopatía e as casas de apostas na mocidade e a prolongación do Boas Noites a moitas máis xornadas. Agardo que continúen, e seguro que así será". Tamén recordou Teatro Foro, Hortalízate, diversas colaboracións en exposición e proxectos múltiples, a reactivación do Consello Municipal da Mocidade, cursos e seminarios… "En definitiva, un sinfín de actividades pensadas para unha xeración que, lonxe de ser unha xeración despreocupada, chega con moitos intereses e valores e con gañas de participar na vida da cidade que agora poderán facer na Nave da Almáciga cuxo contrato se licitou hai poucos meses", concluiu.

IGUALDADE

En Igualdade salientou especialmente "o labor que diariamente realiza o equipo do CIM (Centro de Información á Muller) asesorando e acompañando a mulleres e que, como xa dixen, reforzaron durante a pandemia. Ese equipo leva ademais un tempo realizando un estudo de campo sobre a situación das mulleres trans en contextos de prostitución do noso concello entrevistándose coas entidades que traballan con elas".

No eido da muller enumerou a materialización da entrada do Concello no sistema Viogen, agradecendo "a motivación e empuxe da Policía Local"; a posta en marcha do Consello Municipal da Muller, que terá lugar en breve; a organización dos actos do 25N coa campaña Compostela en Negro á cabeza e este ano centrada na educación; a continuación e potenciación dos ciclos da muller no rural. "Arredor do 8 de marzo", explicou, ademais de varias accións paralelas, organizamos o ciclo, que agardo que permaneza, Artellando Feminismo, con relatorios e debates sobre feminismo que tivemos que reformular para reconvertelo a un formato virtual por mor da pandemia. Hai tamén un proxecto que agardo que en breve vexa a luz de feminización do noso patrimonio cultural do que non vou dar detalles"
Por último, engadiu, "conseguimos lanzar tres contratos enmarcados no Programa Edusi que estaban programados polo anterior equipo de goberno e que nós reformulamos para adaptalo ao que considerabamos máis axeitado e que sen dúbida serán non só un balón de osíxeno para un departamento que non pode coa carga de traballo que ten senón que contribuirán a esa Compostela territorio das Mulleres que asumimos". Son, sinalou "o programa de educación afectivo sexual para os centros escolares (como se alongaba no tempo, continuamos co ciclo Melibea), de xestión da programación da Casa Xohana Torres e outro de xestión do proxecto Territorio das Mulleres".

No eido das políticas LGTBI destacou varias accións de visibilización: "colgamos por vez primeira dos balcóns de Raxoi a bandeira trans, organizamos un Orgullo este mes de xuño moi diferente contando coa participación de artistas galegos sensibilizados coa causa ademais de organizar un debate sobre a cuestión trans ou a realización dun vídeo no que se mostra unha Compostela orgullosamente diversa. Pintamos tamén de maneira permanente os pasos de peóns de Porta Faxeira e Porta do Camiño para dar visibilidade ao colectivo e así, efectivamente, gritar que somos unha cidade que ama a diversidade". Rematou sinalando que en breve poñerase tamén en marcha o Consello Municipal LGTBI.

A concelleira rematou "desexándolle a mellor das sortes á persoa que me sucede, Rubén Prol, compañeiro e amigo. Non teño ninguna dúbida de que o fará magníficamente"; e dando as grazas á cidadanía "a quen confiou e a quen non. E por suposto poñerme á súa disposición, porque a miña marcha é ao Parlamento, onde por suposto seguirei defendendo esta cidade", finalizou.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org