Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

COVID19

Sánchez Bugallo pide á cidadanía comprensión e colaboración ante as novas restriccións da Xunta, nun mes, indica, decisivo para conter a pandemia

03/09/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo fai un chamamento á cidadanía para que sexa comprensiva coa adopción das medidas da Xunta publicadas hoxe no DOG, na que se extenden as restriccións sanitarias a Santiago, que cualifica de "bastante razoables". O rexedor pide "afrontalas con serenidade e confianza", e con "responsabilidade e espíritu de colaboración", pois "vai depender de todos que obteñan os froitos" que se procuran, que neste caso é "impedir unha extensión do virus".
Sánchez Bugallo é "consciente dos problemas" que crean estas novas medidas "nalgúns sectores", pero entendeunas, non polo actual contexto onde sinala, os contaxios "non son especialmente alarmantes", senón polo "o escenario que vén co arranque do curso escolar; co comezo da actividade en escolas infantís, centros de primaria e secundaria, universidade e centros de formación profesional, onde, engadiu, unha "porcentaxe elevada" do alumando ven doutras zonas, algunha delas afectadas por brotes. O alcalde advirte que será "decisivo" ser "capaces de conter a pandemia este mes e rematalo en condicións razoablemente boas"; o que, indicou, "colocará" a Santiago "en mellores condicións" para afrontar outubro, novembro e decembro. "Se pola contra, engadiu, se producise unha deterioración significativa, isto obrigaría a tomar medidas moito máis restritivas que condicionarían"o resto do ano.

Tamén tivo palabras para o sector turístico e hostaleiro, os máis perxudicados, dixo, de forma directa. Rexeitou que as restriccións impostas pola Xunta vaian supor "un xaque" ao sector, e animounos a pensar no Ano Santo 2021. "É moi importante que en Santiago conteñamos a pandemia, porque nos vai a permitir unha recuperación máis rápida e sostida", reiterou. Sánchez Bugallo avogou por ir paso a paso, pequenos pasos firmes, xa que "de nada serve tentar correr se logo hai que volver á casilla de saída ou máis atrás aínda".

Sobre as causas dos novos brotes xurdidos en Santiago, apuntou á mobilidade, "á que é dificil porlle cancelos", cunha "liña clara" entre A Coruña, Melide e Santiago. Tamén incidiu na volta das vacacións e a reincorporación a actividades económicas, o cal "incrementa o risco potencial", de aí a "responsabilidade individual" que solicita á cidadanía, para afirmou, non "relaxarse" nin "descoidarse" fóra da xornada laboral.

O alcalde confirmou que, de momento, o Concello non vai pechar os parques públicos,nos que se incluen os infantís, nin tampouco as instalacións deportivas ao aire libre. Iso sí, pídelle concienciación á xente máis moza. Tamén pide "que ninguén saia do seu domicilio tendo unha orde de confinamento", tampouco para ir ao supermercado á compra, posto que para iso habilitáronse servizos e buscarase unha solución". Sánchez Bugallo empraza ás persoas afectadas, a que soliciten axuda ao Concello a través do teléfono 010.

Sobre as denuncias e sancións por incumprimento das medidas sanitarias, o rexedor lembra que "teñen que ser tramitadas pola Xunta", e que a policía local funciona "como órgano colaborador". En todo caso amosou "total colaboración" para que se cumpran e anunciou un reforzo do control das festas e botellóns.

Sobre as restriccións de aforamente, de 60 persoas en espazos pechados e 100 persoas en espazos abertos, pide a consellería de Sanidade que repense esas cifras. Pon o exemplo do Multiusos de Sar, con 5.000 localidades no que só poderían estar 60 persoas, ou do estadio Vero Boquete de San Lázaro,con 16 entradas e capacidade para 16.000 persoas, no que so poderían estar 100, se se considera un recinto aberto. Respecto ao brote do Multiusos Fontes do Sar, sinalou que as medidas "están tomadas". Ao cumprimento da normativa sanitaria súmase agora a obrigatoriedade da máscara en todas as salas e a cancelación das clases dirixidas por monitores.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org