Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

PLENO

Noa Díaz, no acto de formalización da súa renuncia: "desde o Parlamento de Galicia vou traballar por esta cidade e por este concello"

04/09/2020

Noa Díaz, responsable dos departamentos de Educación, Igualdade, Mocidade e Lingua no concello de Santiago de Compostela, formalizou hoxe a súa renuncia á concellaría despois de ser elexida deputada socialista no Parlamento de Galicia nas pasadas eleccións autonómicas. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, o portavoz do grupo municipal socialista, Sindo Guinarte, e os voceiros da oposicion desexáronlle moita sorte nesta nova etapa. Na súa intervención de despedida da Corporación, asegurou que desde o lexislativo "vou traballar por esta cidade e por este concello, e que estarei alí para todo o que precise a cidadanía".
Díaz agradeceu as palabras dos grupos da oposición, e desexóulle a "mellor das sortes" a Xan Duro e a María Rozas que no mesmo pleno tomaron posesión como concelleiros de Compostela Aberta. Sinalou que se sentiu moi cómoda "neste grupo de goberno". Engadiu que é a primeira que non quere marchar, pero "hai outro compañeiro que ten que entrar", e que se vai "coa satisfacción do traballo feito" .

Destacou, ademáis, o labor do persoal co que traballou nos distintos departamentos, nun ano "terrible pola pandemia", no que quedan encamiñados moitos proxectos; e asegurou que este ano no concello e na política local "fora a mellor das aprendizaxes". Tamén lle desexou sorte a Rubén Prol, que entrará no seu lugar a formar parte do goberno municipal, e que sinalou, "o fará realmente ben".

Sánchez Bugallo recoñeceu "os méritos e capacidade" da concelleira, así como a "dedicación, entrega e ilusión no traballo e o entusiasmo que puxo no seu labor". O rexedor desexoulle "moito éxito nesta nova etapa", e comprometeuse a dar continuidade ao "traballo iniciado" por Noa Díaz.

Sindo Guinarte, agradeceulle o traballo feito e a "incuestionable adicación, sempre cunha vontade de diálogo materializada cos distintos sectores sociais e profesionais". Non tivo, sinalou, "unha tarefa fácil, especialmente no eido das competencias en Educación. Pero afrontouno con decisión, con intelixencia e con solvencia". Vaise, destacou o portavoz socialista, cun "balance moi positivo e cos deberes feitos". Citou, en concreto o contrato de comedores, e o curso xa iniciado na etapa de infantil "perfectamente organizado e preparado para facer fronte ás contixencias que se puideran producir", derivadas da pandemia. Guinarte destacou que Noa Díaz traballou sempre "pensando nos veciños e veciñas de Santiago, desde fondas conviccións, pero sen sectarismo algún". O portavoz socialista rematou desexándolle o mellor nesta nova etapa, "no persoal e no político".

A portavoz de grupo do BNG, Goretti Sanmartín, desexóulle o mellor "no profesional e no persoal". Tamén lle desexou "unha nova etapa feliz, constructiva e transformadora" a voceira de Compostela Aberta, Marta Lois; mentras que o portavoz do PP, Alejandro Sánchez-Brunete, destacou que neste momento Noa Díaz é a persoa mellor posicionada para seguir ao fronte do departamento de Educación, cando está a punto de comezar o curso escolar.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org