Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

COVID19

Sánchez Bugallo pide ás administracións central e autonómica "un plan de axudas potente" para os sectores máis castigados pola crise sanitaria, entre eles a hostalería

26/10/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, espera que as administracións central e autonómica fagan uso das súas competencias tanto directas como delegadas e "elaboren un plan de axudas e de apoio moi potente" aos sectores máis castigados pola crise sanitaria, entre os que se atopa o da hostalería. Sinala que desde o goberno municipal "estamos facendo todo o que podemos", pero recorda que as competencias do Concello son limitadas.
O rexedor afirma estar convencido de que no segundos semestre de 2021 "haberá unha notable recuperación do turismo en Santiago e o ano 2022 será excepcional". Pero a dificultade, indica, "é chegar aí". Enumera distintos factores que agravan a situación: pago de hipotecas e xuros bancarios, pago de rendas de alugueres, polo que, continúa, "é necesario un plan de axudas directas moi potente á altura do problema que hai". Engade que "en boa medida" está dacordo coas reivindicacións do sector. Na súa opinión, "hai un agravio comparativo con outros sectores". Pon de exemplo o marisqueo, cando se pecha a actividade por marea vermella, "as mariscadoras reciben unha renda durante o tempo que están pechados os bancos marisqueiros. Aquí están tomando decisións que supoñen unha afectación tremenda, e as axudas que se están habilitando non gardan relación coa magnitude do dano que se está causando".

Explica o alcalde, que estamos nun periodo "que se está dilatando moitísimo no tempo", o que pode traer como consecuencia o peche de moitos establecementos. Dá datos. Hai un 70% menos de visitas que no mesmo período do ano pasado. Por iso vería ben medidas como a reducción do 50% nos alugueres, que xa se tomou en Cataluña, ou unha moratoria ou aprazamento nos pagos aos bancos, para evitar, indica "unha mortandade na hostalería". Sánchez Bugallo tamén lle pide á Xunta de Galicia que resolva "canto antes" os horarios do toque de queda, porque "existe moita diferencia para a hostalería se o peche é as dez da noite ou doce da madrugada".

En relación as festas de pisos destaca a evolución positiva. Contabilizáronse quince a semana pasada (9 delas na fin de semana); fronte ás 30 da semana anterior e ás 58 da segunda semana de outubro. Unha secuencia que indica, sinala "que imos na dirección correcta", pero recoñece, "os resultados siguen sen ser bós. Estanse facendo cribados masivos no Ensanche en poboación de entre 19 e 39 anos", o que, segundo explica, "fan subir o número de infectados, o cal é un dato positivo, porque siñifica que moitos casos que eran asintomáticos están aflorando e poden recibir o tratamento correspondente.

Para o alcalde estamos ante unha semana decisiva. "En función do que suceda esta semana veremos se Santiago pode materse na situación que está, pode flexibilizar" as resitriccións, ou polo contrario "hai que tomar medidas adicionais".

Por outra banda, e preguntado polos peregrinos, confirmou que o Concello reforzará a vixiancia no uso de máscaras, con controis nas principais entradas do Camiño de Santiago, especialmente a zona de San Lázaro.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org