Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

OBRAS

O alcalde de Santiago espera que, no pleno do día 17, a proposta de remanentes saia adiante por unanimidade, despois de incorporar distintas propostas da oposición

13/11/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, agradece a colaboración dos grupos da oposición para definir o destino dos 9,5 millóns remanentes de tesouraría, e espera que no pleno extraordinario convocado para o día 17 de novembro saian adiante "por unanimidade". O rexedor recoñece que o Concello está facendo un esforzo "moi superior á media", e recorda os "3,5 millóns que aportamos do fondo municipal" para axudar aos sectores máis afectados pola crise, como o comercio, a hostalería e a cultura, aos que cómpre sumar outro millón que aportará a Deputación da Coruña.
Sánchez Bugallo recoñece que desde o grupo de goberno "fixemos un enorme esforzo de aproximación". Sinala que se incorporaron "moitas cuestións de Compostela Aberta, concretamente imos intentar que as axudas se poidan dar anticipadamente", mediante o anticipo de gasto, "e incorporamos actuacións que foron pedidas por eles, como a cuberta de Santa Marta, á marxe doutras actuacións que formaban parte do acordo de orzamentos entre o Grupos Socialista e Compostela Aberta, como pode ser a conexión co centro sociocultural de Marrozos, ou o Campo da Festa do Castiñeiriño". No caso do BNG, sinala o rexedor, tamén se engadiron distintas cuestións. E polo que respecta ao Grupo Popular, "incorporarmos un incremento de medio millón de euros sobre a proposta inicial de tres millóns de euros para axudas aos diferentes sectores" asi como "unha actuación orientada a facilitar a accesibilidade".

Un esforzo, destaca Sánchez Bugallo, que indica que "desde o goberno municipal actuamos con amplitude de miras e con flexibilidade, pero a un ritmo moi acelerado porque tiñamos a preocupación de que non chegabamos a tempo". E todos os grupos, engade, "estabamos de acordo en facer o pleno o día 17, ás 9 da mañá". Explica que "sabemos desde a semana pasada que podemos dispor dos remanentes, e sabemos que temos de prazo ata final de ano para sacar todos os programas, porque teñen que aprobarse inicialmente, someterse a exposición ao público e resolver alegacións". Para o rexedor, houbo que apurar "porque non quedou outro remedio, e iso ás veces tensiona as cousas". Sánchez Bugallo cre que, pola situación en que está a sociedade, "temos que facer ese esforzo" de consenso.

Ademais das remanentes avanzou que no pleno extraordinario convocado para o vindeiro martes hai outros dous asuntos importantes na convocatoria: o inicio do procedemento de modificación do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Urbana) polo tema das vivendas turísticas; e a dotación de 200.000 euros para este ano do Plan de Sustentabilidade Turística, que ten un orzamento de tres millóns de euros divididos en tres anualidades.
Sánchez Bugallo adiantou que o luns estará no concello o Secretario de Estado de Turismo, Fernánde Valdés e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para "falar deste plan".

DATOS EPIDEMIOLÓXICOS

A preguntas dos xornalistas, o alcalde sinalou que, de momento, as novas restriccións están dando os seus froitos, xa que onte o número de casos activos no concello era de 288 por cen mil habitantes, fronte os 474 de hai dez días. Sinalou que "salvo que se torza a previsión, na próxima semana a tendencia é a seguir baixando". En canto á presión hospitalaria, engadiu que "cada día se están dando unhas 30 altas e diagnosticando uns 13 casos positivos". Pero, indica, "isto non é un camiño previsible. Pode haber pasos adiante e pasos atrás". De momento á evolución é positiva, "é o que vemos e iso congratúlanos. A sociedade está facendo uns sacrificios enormes e sería terrible que non se viran correspondidos co resultado", engadiu.

O alcalde de Santiago efectuou estas declaracións durante a visita que realizou á ARI (Área de Rehabilitación Integral) de Pontepedriña, na que xa está en marcha a obra de colocación do primeiro ascensor exterior para dotar de maior accesibilidade ao grupo de vivendas Cardeal Quiroga Palacios. Na visita tamén estiveron presentes a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, os portavoces dos grupos da oposición, e a conselleira de Medio Ambiente.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org